Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Asistencia xurídica gratuíta

Insuficiencia de recursos para litigar


"Para os efectos de comprobar a insuficiencia de recursos, teranse en conta, ademais das rendas e outros bens patrimoniais ou circunstancias que declare a persoa solicitante, os signos externos que manifesten a súa capacidade real económica"

Teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas físicas que, carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes límites (art. 3 da Lei):

  • Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas non integradas nunha unidade familiar.
  • Dúas veces e media o IPREM vixente no momento de facer a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros.
  • O triplo do devandito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros.

No caso das persoas xurídicas referidas no apartado c) do artigo 2 da Lei, considérase que existe insuficiencia de recursos cando carecendo de patrimonio suficiente, o resultado contable da entidade en cómputo anual fose inferior á cantidade equivalente ao triplo do IPREM.

Ademais dos ingresos ou rendas e doutros bens patrimoniais ou circunstancias que declare a persoa solicitante, teranse tamén en conta os signos externos que manifesten a súa real capacidade económica, cos que se denegará o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os devanditos signos, desmentindo a declaración da persoa solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei. Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles, sempre que non constitúan a vivenda habitual da persoa solicitante, así como os rendementos do capital mobiliario (art. 4 da Lei).

Excepcionalmente, e en atención ás circunstancias de familia da persoa, ao número de fillas e fillos ou familiares ao seu cargo, ás taxas xudiciais e a outros custos derivados da iniciación do proceso, ou a outras de análoga natureza, todas elas obxectivamente avaliadas, e en todo caso cando a persoa solicitante teña a condición de ascendente dunha familia numerosa de categoría especial, a Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, ou se fose o caso a súa delegación, poderá conceder o dereito, mediante resolución motivada, a aquelas persoas cuxos recursos ou ingresos, aínda superando os límites previstos no artigo 3, non excedan do quíntuplo do IPREM, tendo en conta ademais a carencia de patrimonio suficiente.

Nas mesmas condicións anteriores poderá recoñecerse o dereito á asistencia xurídica gratuíta atendendo ás circunstancias de saúde do solicitante e ás persoas con discapacidade, así como ás persoas que os teñan ao seu cargo cando actúen nun proceso no seu nome e interese, sempre que se trate de procedementos que teñan relación coas circunstancias de saúde ou discapacidade que motivan este recoñecemento excepcional.

Nestes casos hai que ter en conta que a resolución que adopte a comisión ou a súa delegación determinará expresamente que prestacións das recollidas no artigo 6 da Lei sonlle de aplicación ás persoa solicitante (artigo 5 da Lei).

O indicador público de renda para efectos múltiples (IPREM) foi establecido polo Real Decreto Lei 3/2004, do 25 de xuño, e substitúe nesta función o salario mínimo interprofesional. Segundo a disposición adicional 80ª da Lei 22/2013, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2014, pola que se determina o IPREM para 2014, durante o devandito exercicio terase como IPREM unha contía anual de 6.390,13 euros para os efectos da Lei de asistencia xurídica gratuíta.

Ligazóns relacionadas

Xunta de Galicia