Intervención como testemuña
"Toda persoa que teña coñecemento, directa ou indirectamente, de feitos obxecto dun proceso relevante para a resolución do asunto, poderá ser considerado/a como testemuña xudicial"
A testemuña é aquela persoa, nacional ou estranxeira, que presta testemuño sobre feitos obxecto de litixiosidade, coñecidos por el/a por diferentes razóns e que poden servir de proba nun procedemento xudicial, á hora da súa resolución.
Toda persoa que teña coñecemento, directa ou indirectamente, de feitos obxecto dun proceso relevante para a resolución do asunto e sexa citada pola autoridade xudicial, ben porque así o acordou de oficio o/a xuíz/a, ou ben porque así o solicitou o/a fiscal ou as partes, poderá ser considerado como testemuña xudicial.
Basicamente pódense distinguir dúas clases de testemuñas:
- Testemuñas oculares ou presenciais: son os que tiveron unha percepción directa e presencial do feito axuizado.
- Testemuñas referenciais ou de oídas: son aquelas persoas que relatan o feito polo coñecemento que tiveron deste a través doutras persoas.
As principais características da figura da testemuña son:
- Sempre é persoa física, non pode selo unha persoa xurídica.
- Sempre ha de ter a condición de terceiro, non é parte nin actúa como perito.
- A testemuña contribúe ao proceso coa súa visión directa ou indirecta dos feitos, expresando o motivo polos que os coñece. Indicará, ademais do seu coñecemento persoal sobre os feitos, tamén a fonte do devandito coñecemento.
A testemuña xudicial ten como principais ámbitos de intervención o proceso civil e o proceso penal, pero tamén é importante a súa intervención nas xurisdicións social e contencioso-administrativa.
No ámbito penal prevense medidas especiais de protección para as testemuñas cando a autoridade xudicial aprecie racionalmente un perigo grave para elas, o seu cónxuxe ou persoa a quen estea ligado por análoga relación de afectividade ou os seus ascendentes, descendentes ou irmáns/ás.
Poderán ser testemuñas todas as persoas en xeral, coas seguintes particularidades:
- Exceptúanse as persoas que se achen privadas permanentemente da razón ou do uso dos sentidos, respecto dos feitos, dos que unicamente se poida ter coñecemento polos devanditos sentidos.
- As persoas maiores de 14 anos terán capacidade para ser testemuñas, aínda que a súa declaración está suxeita a determinadas particularidades, pois non se lles esixe xuramento ou promesa de dicir a verdade, como ao resto das testemuñas.
- As persoas menores de 14 anos poderán ser testemuñas se o órgano xudicial estima que posúen a capacidade para comprender e relatar con veracidade o que viviron ou escoitaron.
Para saber máis...
- Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de Axuizamento Civil
- Lei de Axuizamento Criminal (Real Decreto do 14 de setembro de 1882)
- Lei Orgánica 19/1994, do 23 de decembro, de protección a testemuñas e peritos en causas criminais
- Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición Social
- Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición Contencioso-Administrativa