Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Intervención como testemuña

Intervención como testemuña - Preguntas frecuentes


Quen pode ser testemuña nun xuízo?

As testemuñas interveñen principalmente nos procesos civís e penais, pero tamén é importante a súa intervención nas xurisdicións social e contencioso-administrativa.

Poderán ser testemuñas todas as persoas en xeral, coas seguintes particularidades:

  • Exceptúanse as persoas que estean privadas permanentemente da razón ou do uso dos sentidos, respecto dos feitos dos que unicamente se poida ter coñecemento polos devanditos sentidos.
  • As persoas maiores de 14 anos terán capacidade para ser testemuñas, aínda que a súa declaración está suxeita a determinadas particularidades, pois non se lles esixe xuramento ou promesa de dicir a verdade, como ao resto das testemuñas.
  • As persoas menores de 14 anos poderán ser testemuñas se o órgano xudicial estima que posúen a capacidade para comprender e relatar con veracidade o que viviron ou escoitaron.

Que obrigas ten a testemuña dun xuízo?

As principais obrigas das testemuñas xudiciais son:

  • Comparecer no xuízo ou vista, baixo sanción de multa e apercibimento de proceder penalmente contra el/a por desobediencia á autoridade.
  • Prestar xuramento ou promesa de dicir a verdade. No caso de que se demostrase que a testemuña mentiu, incorrerá nun delito de falso testemuño.
  • Informar o tribunal sobre a súa relación de parentesco, afinidade, amizade ou inimizade cos/as litigantes, avogados/as ou procuradores/as, se ten interese directo ou indirecto no asunto e se foi condenada algunha vez por falso testemuño.
  • Declarar (salvo excepcións reguladas normativamente), limitándose a responder ás preguntas que se lle formulen, de forma clara e evitando as respostas evasivas.
Xunta de Galicia