Expurgo de documentos xudiciais
O Real Decreto 937/2003, de modernización dos arquivos xudiciais, regulou a organización e funcionamento dos arquivos xudiciais, así como o procedemento a través do cal se efectúa o expurgo da documentación xudicial.
O propósito deste real decreto foi o de crear un sistema de xestión e custodia da documentación xudicial cara a desconxestionar o espazo físico dos xulgados e tribunais co propósito de crear unha oficina xudicial máis áxil, rápida e cunha correcta atención á cidadanía. Ao mesmo tempo, regulou o establecemento de criterios para garantir a conservación dos documentos que poidan ter valor histórico, xurídico ou administrativo co obxecto de integrarse no Patrimonio Documental e Bibliográfico.
Segundo o artigo 1 do Real Decreto 937/2003, enténdese por expurgo o procedemento a través do cal se determina cando un documento perde toda a súa utilidade ou, pola contra, se ha de conservarse.
No marco das competencias autonómicas, publicouse o Decreto 46/2009, co obxecto de establecer o número e demarcación dos arquivos xudiciais territoriais de Galicia, determinar a súa sede e a composición da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial.
A Orde do 4 de setembro de 2012, estableceu as normas e modelos de transferencia da documentación xudicial e determinou o inicio das actividades dos Arquivos Territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial na comunidade autónoma.
Con data 13 de febreiro de 2013 constituíuse a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, órgano colexiado de natureza administrativa, que ten como misión a de determinar a exclusión ou eliminación dos expedientes procesuais ou gubernativos do patrimonio documental ou, no caso contrario, a transferencia destes á Administración competente en materia de patrimonio histórico.
No ano 2013 iniciáronse os traballos nos órganos piloto (Sala do Social do TSXG e Seccións 3ª e 4ª da Audiencia Provincial de Pontevedra), dando lugar á elaboración das primeiras relacións documentais dos estudos das respectivas series.
En 2014 prodúcese o primeiro acordo da Xunta de Expurgación no que se decide a eliminación de máis de 12.000 expedientes (DOG 05/06/2014).
En 2015 xeneralízase a elaboración de series documentais nos diversos órganos xudiciais da comunidade autónoma e a Xunta de Expurgación acada un novo acordo, que afecta a máis de 190.000 expedientes (DOG 04/08/2015).
Normativa
- Decreto 46/2009, do 26 de febreiro, sobre os arquivos xudiciais territoriais e a Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia
- Orde do 4 de setembro de 2012 pola que se aproban as normas e os modelos de transferencia de documentación xudicial e se determina o inicio das actividades dos arquivos xudiciais territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia
- Orde do 29 de xullo de 2014 pola que se modifica a Orde do 4 de setembro de 2012 pola que se aproban as normas e os modelos de transferencia de documentación xudicial e se determina o inicio das actividades dos arquivos territoriais e da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia
Estudos de identificación e valoración de series
- Expedientes de xuízos de faltas
- Expedientes de recursos de apelación contra xuízos de faltas
- Expedientes de recursos de apelación contra autos penais ante a audiencia provincial
- Expedientes de recursos de apelación contra sentenzas penais ante a audiencia provincial
- Expedientes de recursos de apelación contra autos civís ante a audiencia provincial
- Expedientes de recursos de apelación contra sentenzas civís ante a audiencia provincial
Ligazóns relacionadas
- Anuncio do 26 de xuño de 2015, da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, polo que se dá publicidade á expurgación de expedientes xudiciais
- Anuncio do 23 de abril de 2014, da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, polo que se dá publicidade á expurgación de expedientes xudiciais
- Arquivos de Galicia