Asistencia xurídica gratuíta
"Teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta os/as cidadáns/ás españois/las, os/as nacionais dos demais estados membros da UE e os/as estranxeiros/as que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar"
A asistencia xurídica gratuíta é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución Española de 1978, no seu artigo 24, que consagra o dereito fundamental de toda persoa a obter a tutela xudicial efectiva dos xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos, sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión.
Para asegurar o acceso de todas as persoas á xustiza en condicións de igualdade e de eliminar a discriminación por falta de recursos económicos, a propia Constitución e a Lei Orgánica do Poder Xudicial recoñecen que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, para os que acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
En virtude deste mandato aprobouse a Lei 1/1996, de 10 de xaneiro, de Asistencia xurídica gratuíta, que é de aplicación xeral en todo tipo de procesos xudiciais, incluídos os recursos de amparo constitucional, así como ao asesoramento previo ao proceso. Segundo esta lei, teñen dereito á prestación da asistencia xurídica gratuíta:
- Os/as cidadáns/s españois/las, os/as nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e os/as estranxeiros/as que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.
- As entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social, en todo caso.
- As seguintes persoas xurídicas, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar:
- Asociacións de utilidade pública, previstas no Artigo 32 da Lei Orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación.
- Fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente.
- Na orde xurisdicional social, os/as traballadores/as e os/as beneficiarios/as do sistema de Seguridade Social, tanto para a defensa en xuízo coma para o exercicio de accións para a efectividade dos dereitos laborais nos procedementos concursais. Así mesmo, o dereito á asistencia xurídica gratuíta recoñécese aos/ás traballadores/as e aos/ás beneficiarios/as da Seguridade Social para os litixios que sobre esta materia se tramiten ante a orde contencioso-administrativa.
- Na orde contencioso-administrativa, así como na vía administrativa previa, os/as estranxeiros/as que acrediten insuficiencia de recursos para litigar terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuíta nos procedementos que poidan levar á denegación da súa entrada en España, a súa devolución ou expulsión do territorio español, e en todos os procedementos en materia de asilo.
- Nos litixios transfronteirizos en materia civil e mercantil, as persoas físicas contempladas no Capítulo VIII da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, nos termos que nel se establecen.
A xustiza gratuíta en España adminístrase de forma diferente en función da lexislación aplicable en cada comunidade autónoma. Nesta sección ofrécese información sobre os diferentes perfís profesionais e órganos que interveñen na prestación deste dereito:
Ligazóns relacionadas
Para saber máis...
- Constitución española
- Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta
- Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia
- Orde do 18 de setembro de 2001 pola que se desenvolve o Decreto 146/1997, de 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia
- Orde do 9 de decembro de 2003 pola que se desenvolve o Decreto 146/1997, de 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia
- Lei Orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, modificada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro