Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Preguntas frecuentes

Tribunal do xurado


Que función teñen as persoas membros do xurado?

As persoas membros do xurado, a través do veredicto, proclamarán a culpabilidade ou inculpabilidade da/s persoa/s acusada/s, declarando probados ou non probados os feitos que foron sometidos á súa decisión.

Para a declaración dun veredicto de culpabilidade serán necesarios, polo menos, 7 dos 9 votos das persoas membros do xurado e, para declarar un veredicto de inculpabilidade, serán precisos polo menos 5 votos.

O/A maxistrado/a que preside o tribunal do xurado redactará a sentenza baseándose no devandito veredicto. A sentenza será absolutoria ou condenatoria dependendo do veredicto de inculpabilidade ou culpabilidade do xurado. Se fose condenatoria, o/a maxistrado/a establecerá na sentenza a pena que proceda ditar.

Quen compón o tribunal do xurado e como se seleccionan os seus membros?

O tribunal do xurado constitúese para cada causa ou xuízo concreto e componse dos nove xurados e un/ha maxistrado/a pertencente á carreira xudicial, que será quen o presida.

Para ser unha das nove persoas membros do xurado, previamente participouse nun proceso de selección regulado normativamente. A selección comeza polo menos 30 días antes da data do comezo do xuízo, a través dun sorteo no que se elixen 36 candidatos/as. Deles/as serán elixidas 11 para formar parte de tribunal do xurado, 9 como membros e 2 como suplentes.

Que persoas poden ser candidatas para formar parte dun xurado popular?

Para formar parte dun xurado popular, toda persoa candidata ten que estar incluída no censo electoral (xa que todos os candidatos se seleccionarán mediante sorteo entre as persoas incluídas no devandito censo), estar no pleno exercicio dos dereitos políticos, ser español/a, saber ler e escribir, ser veciño/a de calquera dos municipios da provincia nos que o delito se tiver perpetrado e non estar impedido/a física, psíquica ou sensorialmente para o desempeño da función.

Non poderán ser xurado as persoas condenadas ou procesadas e as que teñan algunha das incompatibilidades reguladas normativamente.

Que tipo de delitos se xulgan ante o tribunal do xurado?

O tribunal do xurado ten competencia para axuizar delitos contra as persoas, delitos cometidos polos/as funcionarios/as públicos no exercicio dos seus cargos, delitos contra a honra, delitos contra a liberdade e a seguridade e delitos de incendio.

En concreto, segundo o Código Penal español, xúlganse ante o tribunal do xurado os seguintes delitos:

  • Parricidio.
  • Asasinato.
  • Homicidio.
  • Auxilio ou indución ao suicidio.
  • Infanticidio.
  • Infidelidade na custodia de persoas presas.
  • Infidelidade na custodia de documentos.
  • Suborno.
  • Malversación de caudais públicos.
  • Fraudes e exaccións ilegais.
  • Negociacións prohibidas aos/ás funcionarios/as públicos.
  • Tráfico de influencias.
  • Omisión do deber de socorro.
  • Violación de morada.
  • Ameazas.
  • Incendios forestais.
Xunta de Galicia