Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

Plan de Infraestruturas Xudiciais


Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia, no marco das súas competencias en materia de Administración de Xustiza, apostou pola mellora das infraestruturas xudiciais xa existentes e pola creación de novos edificios que permitisen uns medios máis adecuados para a Xustiza e con visión de futuro para permitir a creación de novas unidades xudiciais.

Neste sentido, en agosto do ano 2009 o Consello da Xunta de Galicia aprobou un ambicioso plan de infraestruturas xudiciais que incluía tanto a construción de nova planta de diferentes edificios como a completa rehabilitación doutros, cifrando en preto de 100 millóns de euros o desenvolvemento das actuacións necesarias previstas.

Desde a súa posta en marcha, a achega da Xunta a este Plan en grandes obras superou os 129 millóns de euros, o maior investimento na Administración de xustiza, desde que a comunidade galega administra as súas competencias, ao que se deben engadir outras actuacións de eficiencia enerxética e obras menores nos edificios xudiciais da Comunidade Autónoma.

Grazas á execución deste Plan, xa están en funcionamento edificios novos ou reformados como os tribunais de instancia de Santiago de Compostela, Ourense e a Fábrica de Tabacos da Coruña, o Servizo de Notificacións e Embargos de Vigo, o Rexistro Civil de Vigo, a Sala de Vodas de Vigo e o novo edificio xudicial da Estrada, ademais da rehabilitación doutros en Ferrol, O Carballiño, Viveiro e os novos edificios xudiciais da Parda (Pontevedra) e Tui .

Na Coruña rehabilitouse o edificio da antiga “Real Fábrica de Tabacos”. Este histórico inmoble é hoxe un edificio xudicial, modelo en toda Galicia e en toda España. A obra rematou no 2017 e contou cun investimento de máis de 16 millóns de euros. A Coruña ten agora un edificio xudicial sen parangón que consolida as infraestruturas xudiciais da cidade e recupera un inmoble senlleiro e emblemático para a cidade herculina.

En Pontevedra, os traballos para a construción da nova sede xudicial de “A Parda” remataron en 2019. Esta sede naceu coa intención de reagrupar xulgados e xerar un espazo suficiente para o futuro. O levantamento arquitectónico, que superou os 17 millóns de euros, conta con máis de 21 000 metros cadrados e alberga 28 unidades xudiciais. Resólvese así a antiga carencia de espazos xudiciais na cidade do río Lérez.

En Vigo, pola súa banda, o proxecto da Cidade da Xustiza supón a rehabilitación do antigo Hospital Xeral: unha aposta para poñer en valor un edificio emblemático que contribuirá a dinamizar a cidade. O proxecto, para o que se destinou un orzamento de máis de 42 millóns de euros, finalizará en 2022. Permitirá concentrar nun só edificio e no centro de Vigo toda a actividade xudicial: 44.000 metros cadrados de superficie dotarán á Administración de Xustiza dunhas instalacións de gran nivel.

De cara a continuar executando accións que permitan mellorar os edificios xudiciais da Xunta de Galicia, nos vindeiros anos levaranse a cabo unha serie de obras, coa fin de acadar os seguintes obxectivos:

  • Mellora das condicións de confort de todo o persoal ao servizo da administración de xustiza e dos cidadáns que acoden a estes edificios a realizar algún tipo de xestión.
  • Mellora da accesibilidade e da funcionalidade.
  • Mellora da eficiencia da administración en xeral, adaptando as infraestruturas á estrutura administrativa e ás necesidades da súa relación coa cidadanía.
  • Conservación do Patrimonio da Comunidade Autónoma.
  • Redución do consumo enerxético asociado á utilización destes edificios co conseguinte aforro económico.
  • Mellora ambiental, coa redución da emisión de gases contaminantes á atmosfera,
  • e polo tanto da pegada ecolóxica dos servizos prestados.

No que se refire a edificios de nova construción, no 2025 iniciáronse as obras da nova sede do IMELGA  en Santiago de Compostela, así como a obra de reforma do IMELGA e Xulgado de Garda do antigo edificio de xulgados de Pontevedra (A Parda).

Ademais formúlase o “Plan de Eficiencia Enerxética en Edificios Xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia” a desenvolver no período 2024-2027, que permitirá mellorar as condicións das edificacións nas que aínda non se actuou con obras de mellora e eficiencia enerxética cun investimento de 12,2 millóns de euros.
 

Xunta de Galicia