Poxas xudiciais
A poxa xudicial é un medio para proceder á venda de determinados bens da persoa debedora co fin de obter a cantidade suficiente para saldar a débeda reclamada.
Tras a aprobación da Lei 19/2015 , do 13 de xullo, de medidas de reforma administrativa no ámbito da Administración de Xustiza e do Rexistro Civil, desde outubro do 2015 cóntase cun portal único de poxas xudiciais e administrativas na Axencia Estatal Boletín Oficial do Estado.
Segundo sinala a propia Lei, esta forma de venda persegue dous claros obxectivos: a transparencia do procedemento e a obtención do maior rendemento posible da venda dos bens.
Este sistema permíteche, unha vez rexistrado/a, participar nas poxas xudiciais e administrativas dun xeito unificado sen necesidade de ter que desprazarche ás sedes físicas para realizar as poxas, pero con todas as garantías e seguridade xurídica exixibles neste tipo de procedementos.
Así mesmo, esta solución pon ao dispor dos/as usuarios/as rexistrados/as unha serie de alertas sobre as poxas dos bens nos que puidesen estar interesados/as.
Os distintos tipos de bens que se poden incluír nestas poxas son:
- Bens inmobles: vivendas, garaxes, solares, etc.
- Bens mobles: maquinaria, mobiliario, etc.
- Vehículos: turismos, vehículos industriais e outros vehículos.
Podes consultar o apartado de preguntas frecuentes para obter máis información sobre o funcionamento das poxas xudiciais.