Dereitos e deberes ante a xustiza
Entre os principais deberes dos/as cidadáns/ás ante a xustiza está o de participar na administración da xustiza mediante a figura do tribunal do xurado naqueles procesos penais que a lei determine.
Os dereitos e deberes dos cidadáns e as cidadás ante a xustiza están establecidos pola Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza, unha proposición non de lei aprobada polo Congreso dos Deputados no ano 2002 e que establece os principios de transparencia, información e atención adecuada aos/ás usuarios/as da Administración de xustiza.
O obxectivo desta carta é lograr unha xustiza moderna e aberta aos/ás cidadáns/ás para conseguir unha Administración de xustiza responsable ante eles/as.
Así, asisten aos/ás cidadáns/ás os seguintes dereitos:
-
Recibir información xeral e actualizada sobre o funcionamento dos xulgados e tribunais, acceso ao contido actualizado das leis de España e da Unión Europea e a coñecer o contido e estado dos procesos nos que teñan intereses lexítimos.
-
Formular queixas e suxestións sobre o funcionamento da xustiza e esixir, en caso necesario, as reparacións ás que houbese lugar.
-
Acceso a unha xustiza cunha linguaxe comprensible (sen perder rigor técnico) e responsable ante o/a cidadán/á.
-
Tramitación áxil e tecnoloxicamente avanzada dos asuntos que lle afectan, para que se resolvan dentro do prazo legal previsto.
-
Asistencia con especial atención e coidado daquelas persoas que se encontran máis desprotexidas, como as vítimas de violencia doméstica e de xénero, menores de idade, as persoas que sufran unha discapacidade sensorial, física ou psíquica ou as persoas estranxeiras inmigrantes en España.
-
Recibir unha prestación profesional de calidade por parte de avogados/as e procuradores/as, de acordo cunha conduta deontolóxica correcta.
-
Esixir o cumprimento do establecido na Carta de Dereitos a xuíces/xuízas e maxistrados/as, fiscais, secretarios/as xudiciais, médicos/as forenses, avogados/as, procuradores/as e demais persoas e institucións que cooperan coa Administración de xustiza.
Os principais deberes dos/as cidadáns/ás ante a xustiza son:
-
Participar na Administración de xustiza mediante a figura do tribunal do xurado naqueles procesos penais que a lei determine. Os supostos de escusa, incompatibilidade e prohibición están delimitados pola lei.
-
Obriga de prestar colaboración coa xustiza como testemuña, que esixe non só prestar testemuño senón tamén dicir a verdade.
-
No caso de presenciar a comisión dun delito, o/a cidadán/á ten o deber de poñelo en coñecemento e colaborar coa autoridade xudicial ou Ministerio Fiscal, salvo os que estiveren exentos por razóns familiares.