Tribunal do xurado
"Para a selección dos 9 membros que compoñen o xurado realízanse unha serie de sorteos nos cales se designan aleatoriamente 36 candidatos/as, extraídos da listaxe do censo electoral provincial vixente""
O artigo 125 da Constitución española establece que «as persoas cidadás poderán participar na Administración de Xustiza mediante a institución do xurado, na forma e con respecto a aqueles procesos penais que a lei determine».
O Tribunal do xurado ten competencia para o axuizamento dos seguintes delitos atribuídos ao seu coñecemento e veredicto:
- Delitos contra as persoas.
- Delitos cometidos polas persoas funcionarias públicas no exercicio dos seus cargos.
- Delitos contra a honra.
- Delitos contra a liberdade e a seguridade.
- Delitos de incendios.
O xuízo co xurado celebrarase só no ámbito da audiencia provincial e, no seu caso, dos tribunais que correspondan por razón do aforamento do acusado (Tribunal Superior de Xustiza e Tribunal Supremo). En todo caso, quedan excluídos da competencia do xurado, os delitos cuxo axuizamento veña atribuído á Audiencia Nacional.
O tribunal do xurado componse de 9 membros e un maxistrada ou maxistrado integrante da audiencia provincial, que o presidirá. Ao xuízo do xurado asistirán, dous xurados suplentes.
Selección por sorteo
Para a selección dos 9 membros que compoñen o xurado realízanse unha serie de sorteos nos cales se designan aleatoriamente 36 candidatos/as a xurado, que formarán a listaxe de candidatos/as a xurado. Os candidatos/as a xurados extráense da listaxe do censo electoral provincial vixente na data do sorteo.
Con polo menos 30 días de antelación á data prevista para a primeira vista do xuízo oral da causa, o/a Letrado/a da Administración de Xustiza do tribunal, en audiencia pública, realizará o sorteo, de entre os/as 36 candidatos/as a xurado da listaxe da provincia. Desta forma pecharase o primeiro paso para a designación das persoas cidadás que compoñerán o xurado.