Intervención como testemuñas
Indemnización ás testemuñas
"A testemuña ten dereito a percibir unha indemnización polos gastos que lle poida ocasionar a realización da comparecencia para prestar a súa declaración"
Toda testemuña ten dereito a percibir unha indemnización polos gastos que lle poida ocasionar a realización da comparecencia para prestar a súa declaración. Esta indemnización ten as seguintes particularidades:
- Nos procedementos civís, as testemuñas que comparezan por citación ante o tribunal terán dereito a obter unha indemnización polos gastos e prexuízos que a súa comparecencia lles orixinara.
- A devandita indemnización será a cargo da parte que lle propuxera como testemuña. Se varias partes propuxesen unha mesma testemuña, o importe da indemnización ratearase entre elas.
- O importe da indemnización fixarao o/a Letrado/a da Administración de Xustiza, tendo en conta os datos e circunstancias persoais que se achegaran, unha vez finalizado o xuízo ou a vista.
- Se a parte ou partes que deban pagar a devandita indemnización non o fixesen no prazo de 10 días desde a firmeza do decreto, a testemuña poderá acudir directamente ao procedemento de prema.
- Se a testemuña fora proposta polo Ministerio Fiscal ou a parte que o propón ten recoñecido o beneficio de asistencia xurídica gratuíta, o pagamento da indemnización corresponderalle á Administración, sempre e cando non exista condena en custas á parte condenada.
- Se posteriormente se produce condena en custas, poderá esixirse da persoa condenada o importe da indemnización previamente satisfeita á testemuña.
- Nos procedementos penais, as testemuñas que realicen a declaración ante o tribunal tamén terán dereito a unha indemnización, sempre que a reclamen.
- No caso de que o chamamento se produza por solicitude de parte, a devandita indemnización será a cargo da parte que lle propuxera como testemuña.
- Se posteriormente se produce condena en custas, corresponderá á parte condenada en custas o pagamento da indemnización.
- A Administración asumirá o pagamento da indemnización no caso de que a parte obrigada ao mesmo teña recoñecido o dereito de asistencia xurídica gratuíta, sexa declarada insolvente ou cando as custas sexan declaradas de oficio.
- A indemnización fixaraa o/a Letrado/a da Administración de Xustiza mediante decreto e abarcará os gastos de viaxe e o importe dos salarios deixados de percibir pola testemuña por mor da súa comparecencia.