Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Intervención como testemuña

Dereitos e obrigas das testemuñas


"A testemuña ten a obrigación de comparecer no xuízo ou vista, baixo sanción de multa e apercibimento de proceder penalmente contra el/a por desobediencia á autoridade"

Os principais dereitos e obrigas das testemuñas son:

O principal dereito é o de percibir unha indemnización polos gastos que lle poida supoñer a prestación da declaración. O importe desta indemnización será fixado polo/a xuíz/a. A testemuña disporá da vía de constrinximento no caso de falta de pagamento.

Entre as principais obrigas ou deberes das testemuñas xudiciais destacan:

  • Obriga de comparecer no xuízo ou vista, baixo sanción de multa e apercibimento de proceder penalmente contra el/a por desobediencia á autoridade. No caso de enfermidade ou suposto asimilado, procederase á declaración domiciliaria. A testemuña deberá poñer en coñecemento do xulgado ou do tribunal os cambios de enderezo ata que sexa citado/a para a celebración do xuízo ou vista. 

  • Deber de prestar xuramento ou promesa de dicir a verdade. No caso de que se demostrase que a testemuña mentiu, incorrerá nun delito de falso testemuño. Por iso, antes do inicio do interrogatorio, o/a xuíz/a tomaralle xuramento ou promesa e informarao sobre as sancións establecidas contra quen cometa delito de falso testemuño (prisión de seis meses a dous anos e multa de tres a seis meses). 

  • Deber de informar ao tribunal sobre os seus datos persoais e identidade, relación de parentesco ou afinidade cos litigantes, os seus avogados/as ou procuradores/as; se ten algunha relación con eles/as susceptible de provocar intereses comúns ou contrapostos, xa sexa por amizade, inimizade ou calquera outro tipo de relación. Finalmente, preguntaráselle se ten interese directo ou indirecto no asunto e se foi condenado/a algunha vez por falso testemuño. 

  • Deber de declarar, limitándose a responder ás preguntas que se lle formulen, de forma clara e evitando as respostas evasivas. Como excepción a esta regra xeral atópanse as persoas obrigadas polo segredo profesional ou segredo oficial e os parentes do procesado en liña directa ascendente e descendente, o seu cónxuxe ou persoa unida por relación de feito análoga, os/as seus/súas irmáns/ás consanguíneos e os colaterais consanguíneos ata o segundo grao civil, se ben poderán facer as manifestacións que consideren oportunas. 

    As testemuñas declararán separada e sucesivamente, pola orde na que viñesen consignadas nas propostas, salvo que o tribunal encontre motivo para alteralo. Ademais, non se poderán comunicar entre si nin poderán asistir uns ás declaracións dos outros. 

Xunta de Galicia