Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Asistencia xurídica gratuíta

Solicitude e procedemento


Iniciación

A persoa que pretenda obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta deberá dirixirse ao colexio da avogacía do lugar en que se atope o órgano xudicial que ha de coñecer do proceso principal para o que se solicita este dereito, ou á oficina xudicial do seu domicilio.

Nos referidos lugares, colexio da avogacía ou a oficina xudicial,facilitaranlle o modelo oficial de solicitude; así mesmo, no colexio auxiliarana para cubrir a solicitude. Nos partidos xudiciais en que non haxa sede do colexio da avogacía, as persoas solicitantes poderanse dirixir á oficina xudicial para recoller o modelo oficial de solicitude, onde a entregarán unha vez cuberto; tras isto, o órgano xudicial deberá remitir a solicitude ao colexio da avogacía que territorialmente corresponda (artigo 12 da lei).

A persoa solicitante poderá optar por asinar un consentimento expreso para que sexa o colexio quen solicite os certificados electrónicos que deben acompañar á solicitude.

Designación provisional de letrado/a e procurador/a

Os colexios da avogacía darán preferencia e tramitarán con urxencia as solicitudes de asistencia xurídica gratuíta no ámbito dos procedementos para o axuizamento rápido de delitos (tanto respecto das vítimas como ás persoas imputadas), así como as solicitudes de partes en xuízos rápidos civís (artigo 16 do Decreto 269/2008).

Unha vez que o colexio da avogacía dispoña da solicitude, examinará esta e os documentos que a persoa solicitante achega, e resolverá no prazo de quince días designando un/unha letrado/a de forma provisional, salvo que estime necesaria a emenda de deficiencias; tras isto, dará comunicación ao colexio de procuradoría, que deberá proceder á designación dun/dunha procurador/a no prazo de tres días, sempre que a súa intervención sexa legalmente preceptiva. Logo disto, o colexio da avogacía dará traslado da solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta no prazo de tres días.

Emenda de deficiencias

No caso de que o colexio da avogacía estime que na solicitude existen deficiencias ou que a documentación presentada resulta insuficiente, comunicarallo á persoa interesada para que a aclare o complete no prazo de dez días; transcorrido ese prazo sen facer a aclaración ou completar a documentación, o colexio arquivará a solicitude. Se esas deficiencias foran emendadas, o colexio deberá resolver, procedendo ou non á designación provisional dun/dunha avogado/a, segundo se estime que a persoa peticionaria reúne os requisitos para o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, á vista da solicitude presentada e da documentación que se achegue, no prazo de quince días contados desde a recepción da solicitude emendada (artigo 14 e 15 da lei).

Resolución negativa ao proceder á designación ou ausencia da mesma por parte do colexio da avogacía

No caso de que o colexio da avogacía estime que a persoa peticionaria non reúne os requisitos, ou que a pretensión principal que tenta facer valer a persoa solicitante é manifestamente insostible ou carente de fundamento, notificará á persoa solicitante no prazo de cinco días que non efectuou a designación provisional de avogado/a e trasladará a solicitude á comisión de asistencia xurídica gratuíta.

Se o colexio non resolvese dentro de prazo, a persoa solicitante poderá reiterar a súa solicitude ante a comisión, a cal, de maneira inmediata, solicitará o expediente ao colexio da avogacía e ordenará ao mesmo tempo a designación provisional dun/dunha avogado/a e dun/dunha procurador/a, no caso de que este último fose preceptivo (artigo 15 da lei).

Resolución e notificación por parte da comisión ou delegación

A comisión, tras recibir a solicitude e mais a documentación que a acompaña, fará as comprobacións necesarias e solicitará a información que estime necesaria con vistas a valorar a situación económica da persoa solicitante, e ditará resolución dentro do prazo de trinta días hábiles contados desde a recepción daquela, concedendo ou denegando o recoñecemento do dereito. A dita resolución notificaráselles no prazo común de tres días á persoa solicitante, ás partes interesadas, ao colexio da avogacía, e se fose o caso tamén ao de procuradoría; e así mesmo comunicarase ao xulgado ou tribunal que estea coñecendo do proceso, ou ao/á xuíz/a decano/a da localidade se aquel aínda non se iniciara (artigo 17 da lei).

Ausencia de resolución

Se a comisión non dita resolución, entenderase validada a decisión adoptada anteriormente polo colexio da avogacía. No caso de que este non adoptase ningunha resolución, o silencio da comisión será positivo, polo que procederá á solicitude da persoa interesada, quen se poderá dirixir ao/á xuíz/a ou tribunal que coñeza do proceso (ou, se a solicitude se realiza con anterioridade á iniciación de deste, ao/á xuíz/a decano/a competente) para que declare o dereito na súa integridade -e para que requira ao correspondente colexio da avogacía e de procuradoría, se fose o caso– que designe os/as profesionais (artigo 17 da lei).

Efectos da resolución

O recoñecemento do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado/a e de procurador/a efectuadas polos respectivos colexios profesionais.

Se a comisión denegase o recoñecemento, as designacións que eventualmente se realizasen quedarán sen efecto e a persoa peticionaria deberá abonar os honorarios e dereitos económicos ocasionados pola intervención dos/as profesionais designados con carácter provisional (artigo 18 da lei).

Revogación do dereito

A declaración errónea, así como o falseamento ou ocultación ás persoas solicitantes de datos que foran determinantes para o recoñecemento do dereito, darán lugar á revogación do mesmo por parte da comisión ou delegación, que para estes fins terá facultades para a revisión de oficio.

A revogación levará consigo a obriga de pagar todos os honorarios de avogado/a e de procurador/a producidos desde a concesión do dereito, así como a cantidade equivalente do custo das demais prestacións obtidas en razón da dita concesión, sen prexuízo das responsabilidades penais ou doutra orde que, se fose o caso, correspondan (artigo 19 da lei).

Recursos

Poderán recorrer contra a concesión ou denegación de modo definitivo do dereito á asistencia xurídica gratuíta todas aquelas persoas que teñan un interese lexítimo.

Tal impugnación, para a cal non será preceptiva a intervención de avogado/a, deberá formalizarse por escrito e de xeito motivado, no prazo de cinco días desde a notificación da resolución ou desde que fose coñecida por calquera das partes lexitimadas para interpoñela, ante a persoa secretaria da comisión de asistencia xurídica gratuíta. Esta remitirá o escrito de impugnación, xunto co expediente correspondente á resolución impugnada e unha certificación desta, ao xulgado ou tribunal competente, ou ao/á xuíz/a decano/a, para a súa repartición, se o procedemento aínda non se iniciara.

Quendas especializadas

O Regulamento de asistencia xurídica gratuíta prevé a existencia de quendas especializadas para a asistencia xurídica de persoas maltratadas, menores e estranxeiras.

Libre elección de avogado/a

Os beneficiarios da xustiza gratuíta poderán elixir ao/á avogado/a e ao/á procurador/a que se encargue da súa defensa e representación, polo menos nos procesos de familia, contencioso-administrativos e laborais, entre os/as profesionais inscritos nas listas de asistencia xurídica gratuíta correspondentes xestionadas polos colexios, sempre que non teñan esgotada a súa cota máxima semestral (a cal será establecida por unha resolución da Dirección Xeral de Xustiza).

Unidade de actuación letrada

  • Nos casos de violencia de xénero, a asistencia letrada ás vítimas será prestada por un/unha avogado/a desde que se requira a dita asistencia ata a finalización do procedemento, abranguendo ademais todos os procesos penais, civís e administrativos que teñan causa na violencia padecida.
  • Nos procedementos de axuizamento rápido de delitos, a asistencia letrada será prestada por un/unha único/a avogado/a desde a detención ou primeira comparecencia, entendéndose con el ou ela todas as fases do procedemento.
  • No resto dos procedementos penais, os colexios instrumentarán as medidas necesarias para garantir o principio de unidade de actuación desde a asistencia inicial ata a súa finalización (incluíndo o xuízo oral e a execución da sentenza), exceptuando as actuacións que se deban levar a cabo na circunscrición territorial doutro territorio. 

Ligazóns relacionadas