Celebración do xuízo
O xuízo oral comezará tras o xuramento ou promesa das persoas membros do xurado, segundo o establecido na Lei de Axuizamento Criminal. Para a celebración do xuízo sempre se requirirá asistencia da persoa acusada e do/a avogado/a defensor/a.
A continuación, darase lectura dos escritos de cualificación. Seguidamente o/a maxistrado/a presidente abrirá unha quenda de intervención das partes para que expoñan ao xurado as alegacións que estimen convenientes a fin de explicar o contido das súas respectivas cualificacións e a finalidade da proba que propuxeron.
No xuízo, o tribunal do xurado escoitará a declaración da persoa acusada e presenciará a práctica das probas contrarias e favorables a esta (declaracións de testemuñas e peritos, informes periciais, documentación e demais pezas de convicción).
Se, durante o xuízo, algunha persoa membro do xurado considera conveniente que se lle faga algunha pregunta concreta á persoa acusada, testemuña ou perito para aclarar os feitos, poderá indicar por escrito a pregunta que estime necesaria. Dita pregunta entregarase ao/á presidente/a e este/a, despois de ler a pregunta en persoa, poderá dar lectura á mesma para que sexa contestada, se a estima pertinente.