Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Avogados/as e procuradores/as

Potestades da avogado de oficio


"A avogada ou avogado de oficio, unha vez que foi designada/o, deberá comunicar á comisión de asistencia xurídica gratuíta se considera que a pretensión é insostible, dentro do prazo legal establecido"

A avogada ou avogado de oficio, unha vez que foi designada/o, deberá comunicar á comisión de asistencia xurídica gratuíta se considera que a pretensión é insostible, dentro do prazo legal establecido e expoñendo os motivos xurídicos nos que fundamenta a súa decisión.

Tamén poderá solicitar a documentación que considere necesaria para avaliar a pretensión. Mentres transcorra o prazo para presentar a documentación, o prazo establecido para comunicar a insostibilidade da pretensión á comisión quedará interrompido.

Se a persoa interesada non presenta a devandita documentación no prazo outorgado, a comisión arquivará a solicitude. Se a persoa interesada presenta a documentación, esta achegarase ao avogada/o para que este analice a viabilidade da pretensión.

A declaración de insostibilidade ou inviabilidade da pretensión tamén poderá realizarse en vía de recursos contra resolucións que puxesen fin ao proceso na instancia correspondente.

Na orde penal e respecto das persoas condenadas non caberá formular insostibilidade da pretensión.

Insostibilidade ou sostibilidade da pretensión

Se a avogada ou avogado de oficio formulou a insostibilidade da pretensión, a comisión solicitará do colexio de avogados un ditame sobre a viabilidade. Se o ditame coincide coa declaración de insostibilidade informada pola avogada ou avogado de oficio designada/o, solicitarase un informe fundado do Ministerio Fiscal.

En caso de que o colexio de avogadas/os e o Ministerio Fiscal considerasen indefendible a pretensión, a comisión de asistencia xurídica gratuíta resolverá a desestimación da solicitude. No suposto de que se considerase defendible a pretensión, procederase ao nomeamento dunha segunda avogada ou avogado. Os ditames emitidos polo colexio de avogadas/os e polo Ministerio Fiscal serán achegados á nova avogada ou avogado, para quen será obrigatoria a defensa.

Ligazóns relacionadas

Xunta de Galicia