Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
Rexistro de parellas de feito

Rexistro de parellas de feito - Preguntas frecuentes


Onde se pode presentar a solicitude de parella de feito?

A solicitude e a documentación necesaria débese presentar ante a delegación provincial da consellería competente en materia de xustiza correspondente ao domicilio da parella de feito ou en calquera dos lugares establecidos para presentación de solicitudes pola  Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Esta nova lei establece o marco normativo actual para a tramitación dos procedementos administrativos en España e compleméntase coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público, que regula a organización e funcionamento das administracións públicas, así como as relacións entre elas.

Que documentación se debe achegar ao rexistro para a inscrición?

Se se cumpren todos os requisitos que a normativa determina para poder inscribirse como parella de feito, xunto á solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación:

  • Fotocopia compulsada do DNI de ambas as persoas membros da parella ou, en caso de estranxeiros/as, documento similar no seu país.
  • Declaración responsable de non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Acreditación do estado civil de ambas as persoas membros da parella mediante certificación do Rexistro Civil ou equivalente no caso de estranxeiros/as. 
  • Certificación de empadroamento das persoas membros da parella nalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Declaración da vontade de constituír unha parella de feito.
  • Declaración responsable de ambas as persoas de non ter constituída parella de feito con outra persoa.
  • Se é o caso, sentenza xudicial de divorcio, ou nulidade ou certificado literal de matrimonio no que conste algún destes extremos. 
  • Declaración responsable de non estar incapacitados/as para os efectos de prestar o seu consentimento para constituír unha parella de feito.
  • Fotocopia compulsada do libro de familia, ou equivalente, nos casos nos que houbese fillos/as comúns ou de calquera dos membros da parella.

Que é unha parella de feito?

É unha unión entre dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de feito de Galicia, expresando así a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio e estendendo, desa forma, ás persoas membros da parella os dereitos e as obrigas que a lei recoñece os/as cónxuxes.

A inscrición como parella de feito no rexistro de parellas de feito de Galicia é voluntaria e ten carácter constitutivo. Para acceder á inscrición as persoas membros da parella de feito deberán cumprir os requisitos legais establecidos.

Que persoas non poden constituír unha parella de feito?

No ordenamento xurídico español non poden constituírse en parella de feito as seguintes persoas:

  • As persoas familiares en liña recta por consanguinidade ou adopción.
  • As persoas familiares colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • As persoas que xa estean ligadas por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

Que requisitos se deben cumprir para inscribirse como parella de feito?

Para poder inscribir unha relación como parella de feito, ambas as persoas membros da parella deben cumprir unha serie de requisitos e achegar a documentación acreditativa do cumprimento deses requisitos:

  • Ser maiores de idade.
  • Non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Manifestar a vontade de constitución de parella de feito a través de modelo normalizado.
  • Non estar ligadas por matrimonio ou ter formalizada parella de feito con outra persoa.
  • Non estar incapacitado xudicialmente para rexer a súa persoa.
  • Ter un dos membros da parella a veciñanza civil galega.
  • Acreditar o empadroamento das persoas membros da parella no mesmo domicilio, nalgún municipio de Galicia.
Xunta de Galicia