Presentación de demandas por investimentos en produtos financeiros - Preguntas frecuentes
Cal é o procedemento para litigar co recoñecemento do dereito ao beneficio da xustiza gratuíta?
Unha vez que o colexio de avogados reciba e examine a solicitude -e tras ser saneadas as deficiencias observadas, se fose o caso-, procederá a designación provisional de letrado/a, daralle comunicación ao colexio de procuradores para que procedan á designación dun/ha procurador/a, no caso de que a súa intervención sexa legalmente preceptiva, e dará traslado da solicitude á Comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta.
A comisión, logo de recibir a solicitude, fará as comprobacións oportunas e solicitará a información que estime necesaria para valorar a situación económica do/a solicitante, e finalmente ditará resolución concedendo ou denegando o recoñecemento do dereito..
O recoñecemento do dereito implicará a confirmación das designacións de avogado/a e de procurador/a efectuadas polos colexios profesionais.
Se a comisión denegase o dito recoñecemento, as designacións que eventualmente realizasen quedarán sen efecto e o/a peticionario/a deberá aboar os honorarios e dereitos económicos ocasionados pola intervención dos/as profesionais designados con carácter provisional.
Poderán recorrer a concesión ou denegación do dereito á asistencia xurídica gratuíta de modo definitivo todas aquelas persoas que teñan un interese lexítimo.
Cales son os procedementos xudiciais que existen para formular a miña reclamación?
No ámbito civil existe a posibilidade de utilizar, en función da contía da reclamación, o xuízo verbal (ata 15.000 euros) ou o procedemento ordinario (máis de 15.000 euros).
Como solicitar a xustiza gratuíta?
A persoa que pretenda obter o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta deberá dirixirse ao colexio de avogados do lugar no que se atope o xulgado ou tribunal que haberá de coñecer do proceso principal para aquel que se solicita ou ante o xulgado do seu domicilio, onde lle facilitarán o modelo oficial de solicitude.
No colexio auxiliaranlle tamén para cubrir a solicitude e indicaranlle os documentos que debe presentar, podendo optar por asinar un consentimento expreso para que sexa o colexio quen solicite os certificados telemáticos que deben acompañar a solicitude.
Hai outros custos na vía xudicial ademais da taxa correspondente?
Ademais da taxa correspondente, a vía xudicial inclúe as custas do proceso.
As custas comprenden uns gastos por acudir aos tribunais e están recollidas no artigo 241 da Lei de axuizamento civil (LAC). Sen prexuízo do pagamento da taxa xudicial, a súa parte máis relevante está constituída basicamente por dous conceptos:
- Os honorarios do/a avogado/a.
- Os dereitos arancelarios do/a procurador/a.
Necesito avogado/a e procurador/a para iniciar a reclamación?
Só serán necesarios estes/as profesionais cando a reclamación sexa por unha cantidade maior de 2.000 euros. Si a contía é inferior a esta cifra poderase interpoñer a demanda de xuizo verbal sen a intervención de avogado/a nin de procurador/a.
Quen sufraga os custos do proceso?
Taxa xudicial
Está obrigado a pagar a taxa xudicial quen promova o exercicio da potestade xurisdicional e realice o feito impoñible desta..
Por outra banda, hai dous supostos nos que pode haber unha devolución de parte da taxa. Así:
- Se a persoa demandada se achanta totalmente á demanda ou se alcanzase un acordo que poña fin ao litixio, a devolución será do 60% do importe da taxa.
- Se hai unha acumulación de procedementos, a devolución será do 20%.
No caso de que o/a xuíz/a acolla totalmente a demanda e lle impoña as custas procesuais á parte demandada, esta estará obrigada a pagarlle o importe da taxa xudicial (artigo 241 da LAC).
Gastos e custas procesuais
Cada parte debe pagar os gastos que se ocasionen pola súa actividade, e o tribunal, na sentenza, decide sobre a imposición das custas procesuais.
- Para gastos de carácter xeral, poden darse tres supostos:
- Sentenza na que se acolla totalmente a demanda. Impóñense as custas ao/á demandado/a. Estará obrigado/a a satisfacerlle os honorarios do/a procurador/a e os do/a avogado/a, ata o límite establecido, o cal está fixado nun terzo da contía da reclamación. O tribunal pode non facer imposición de custas, tendo en conta as dúbidas de feito ou de dereito que presentase o caso.
- Sentenza desestimando totalmente a demanda. Impóñenselle as custas ao/á demandante. Neste caso estaría obrigado/a ao pagamento dos honorarios do/a procurador/a e do/a avogado/a da entidade bancaria, agás que o tribunal aprecie dubidas de feito ou de dereito.
- Sentenza estimando parcialmente a demanda. No caso de que o tribunal estime unha parte da reclamación, non se fará imposición de custas. Cada parte paga as causadas pola súa instancia.
- Para o caso de beneficiario da xustiza gratuíta. Aínda que se litigue co dereito á xustiza gratuíta, pode ter que facer fronte ás custas do proceso (art. 36 da Lei de asistencia xurídica gratuíta [LAXG]). Pódense dar os seguintes supostos (art. 36 da LAXG):
- Sentenza que acolla a demanda con imposición de custas á entidade demandada. Se na sentenza que poña fin ao proceso houbera pronunciamento sobre custas, a favor de quen obtivo o recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta ou de quen a tivera legalmente recoñecida, deberá a parte contraria pagar as custas causadas na defensa daquela (art. 36.1).
- Sentenza na que se rexeita a demanda e na que se lle impoñen as custas ao/á demandante que litigou con xustiza gratuíta. Estará obrigado/a ao pagamento das custas causadas na súa defensa (avogado/a e procurador/a designado/s de oficio) e as da parte contraria, se dentro dos tres anos seguintes aos da terminación do procedemento viñera a mellor fortuna (artigo 36.2).
- Sentenza sen imposición de custas a ningunha das partes, pero con acollemento total ou parcial. Cando a sentenza que poña fin ao proceso non conteña expreso pronunciamento respecto das custas, e venza no preito o beneficiario da xustiza gratuíta, deberá este pagar as custas causadas na súa defensa, sempre que non excedan da terceira parte do que nel obtivera. Se excedesen, reducirase ao que importe a devandita terceira parte, atendéndose a pro rata as súas diversas partidas (artigo 36.3).
Quen ten dereito ao beneficio da xustiza gratuíta?
O artigo 3 da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, establece nos seguintes termos os requisitos básicos para a obtención do dereito:
Recoñecerase o dereito de asistencia xurídica gratuíta a aquelas persoas físicas que, carecendo de patrimonio suficiente, conten cuns recursos e ingresos económicos brutos, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen os seguintes limiares:
- Dúas veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente no momento de efectuar a solicitude, cando se trate de persoas non integradas en ningunha unidade familiar (1 persoa - 2 IPREM: 12.780,26 euros).
- Dúas veces e media o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude, cando se trate de persoas integradas nalgunha das modalidades de unidade familiar con menos de catro membros (2-3 persoas - 2,5 IPREM: 15.975,33 euros).
- O triplo do dito indicador, cando se trate de unidades familiares integradas por catro ou máis membros (4 ou máis persoas - 3 IPREM: 19.170,39 euros).
E o artigo 4 da dita Lei 1/1996 establece a exclusión por motivos económicos:
- Para os efectos de comprobar a insuficiencia de recursos para litigar terase en conta, ademais das rendas e outros bens patrimoniais ou circunstancias que declare o solicitante, os signos externos que manifesten a súa capacidade económica real, negándose o dereito á asistencia xurídica gratuíta se os ditos signos, desmentindo a declaración do solicitante, revelan con evidencia que este dispón de medios económicos que superan o límite fixado pola lei.
- Para valorar a existencia de patrimonio suficiente terase en conta a titularidade de bens inmobles sempre que non constitúan a vivenda habitual do/a solicitante, así así como os rendementos do capital mobiliario.
En relación co capital mobiliario, cómpre dicir que se este se refire ás preferentes ou subordinadas, non se terá en conta, xa que neste caso non está a producir ningún xuro e ademais incluso se está en risco de perda do capital.
A solicitude para o recoñecemento do dereito a litigar con xustiza gratuíta poderá presentala no colexio de avogados, ou no xulgado da súa localidade, que a chegará ao colexio de avogados que é o competente para a súa tramitación.
Pode acudir ao colexio de avogados que corresponda á súa localidade para pedir información e asesoramento nos servizos de orientación xurídica.
Que taxas debo aboar se non teño dereito ao beneficio de xustiza gratuíta?
Para poder formalizar unha demanda debe aboar de forma previa unha taxa xudicial á Facenda estatal, nos seguintes termos:
| Tipo de formalización | Taxa xudicial |
| Xuízo verbal ata 2.000 euros | Exento |
| Xuízo verbal de máis de 2.000 euros | 150 euros + 0,10% da cantidade reclamada |
| Xuízo ordinario | 300 euros + 0,10% da cantidade reclamada |
| Recurso de apelación | 800 euros + 0,10% da cantidade reclamada |
Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia