Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta aposta por unha xustiza eficaz, moderna, áxil e centrada nas persoas


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes inaugurou hoxe en Sarria as XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela

Sarria (Lugo), 3 de xuño de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe en Sarria na inauguración das XIX Xornadas Xurídicas Román García Varela, onde incidiu na aposta da Xunta por unha xustiza eficaz, moderna, áxil e centrada nas persoas.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou a importancia de que a Administración de Xustiza se adapte á evolución social e tecnolóxica para dar resposta ás necesidades tanto dos profesionais deste ámbito como da cidadanía. Nesta liña, referiuse ao binomio tecnoloxía e dereito como eixe fundamental do Plan Senda 2028, aprobado a semana pasada no Consello da Xunta.   

Segundo sinalou, esta folla de ruta adapta a xustiza dixital de Galicia ao novo marco legal estatal, introduce a intelixencia artificial como elemento central e transversal, e achega o servizo á cidadanía, sobre todo nas áreas rurais.

Diego Calvo referiuse tamén aos cambios que supuxo a nova Lei de eficiencia xudicial, en cuxa implantación, afirmou, “o Goberno galego puxo o máximo empeño para cumprir cos prazos establecidos polo Ministerio de Xustiza e co menor impacto posible sobre o persoal e as persoas usuarias”. “A pesar da complexidade dun proceso que foi imposto, da brevidade dos tempos marcados polo Ministerio e da falta de apoio económico estatal, Galicia cumpriu”, engadiu.