A Xunta pon en valor o cumprimento de Galicia na implantación da Lei estatal de eficiencia xudicial a pesar de ser unha norma sen consenso e precipitada
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no Parlamento a situación da Administración de Xustiza na comunidade galega, co foco posto nos cambios que supuxo a nova norma
Lamenta a falta de apoio económico e o retraso na posta en marcha das ferramentas informáticas dependentes do Ministerio de Xustiza
Para Diego Calvo, o problema real está na falta de xuíces, de fiscais e de letrados, sen que a nova oficina xudicial veña acompañada dun incremento destas prazas por parte do Goberno central
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou hoxe no Parlamento a situación da Administración de Xustiza en Galicia. Na intervención afondou nos cambios que supuxo a implantación da Lei de eficiencia xudicial, na que, segundo afirmou, Galicia cumpriu, a pesar de ser unha norma imposta sen consenso coas comunidades autónomas nin cos profesionais da Xustiza e precipitada nos prazos. O conselleiro lamentou tamén a falta de apoio económico estatal, o retraso na posta en marcha das ferramentas informáticas dependentes do Ministerio de Xustiza e a demora na creación das prazas de xuíces, fiscais e letrados, aínda pendentes.
Segundo sinalou, neste contexto a Xunta foi quen de implantar a nova oficina xudicial en tempo e forma, sen que se rexistrasen incidencias salientables que repercutisen negativamente na prestación do servizo. “Isto fíxose a costa de executar un traballo inxente con pouco tempo de marxe, de buscar solucións rápidas a cada problema que ía xurdindo e de facer un desembolso económico adicional, de máis de 10 millóns de euros, que o Goberno central non compensou nin semella que vaia facelo”, apuntou.
Diego Calvo referiuse tamén á reorganización das unidades xudiciais, que afectou a preto de 3.000 funcionarios sen que se permitise facer unha distribución do persoal acorde ás necesidades reais de cada órgano xudicial, perpetuando un problema que se arrastra desde hai anos.
En todo caso, para o conselleiro, o problema real da Administración de Xustiza en Galicia é a falta de xuíces, cuxa taxa está moi por debaixo da media europea, así como de fiscais e letrados, sen que a nova oficina xudicial veña acompañada dun incremento destas prazas. Nesta liña, lamentou que o anuncio do Ministerio de Xustiza de crear 19 prazas para reforzar tribunais de instancia e audiencias provinciais en Galicia aínda non se materializase.
Lembrou tamén que o Goberno galego leva anos pedindo o incremento de unidades xudiciais, xunto co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza, sen rexeitar nunca as concedidas, inferiores ás solicitadas e moitas veces diferentes. A maiores, lamentou que nos últimos dous exercicios non se crease ningunha nova unidade xudicial en Galicia.