Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta destaca a importancia dos xuíces de paz para situar as persoas no centro da Administración de Xustiza


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes clausurou hoxe a Xuntanza de xuíces e xuízas de paz de Pontevedra, onde se abordou a implantación da nova oficina xudicial

Diego Calvo sinala a importancia das oficinas de xustiza no municipio, que permiten dispoñer destes servizos en todo o territorio

Poio (Pontevedra), 28 de maio de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na clausura da Xuntanza de xuíces e xuízas de paz da provincia de Pontevedra, onde destacou o labor destes profesionais no obxectivo de situar as persoas no centro da Administración de Xustiza. Así, referiuse á importancia en Galicia das novas oficinas de xustiza no municipio, resultantes da transformación dos antigos xulgados de paz, pola dispersión poboacional e a necesidade de achegarlle os servizos da Administración de Xustiza a toda cidadanía.

Segundo sinalou, estas oficinas, 268 na comunidade galega, configúranse como “portas de acceso á Administración de Xustiza e permiten dispoñer destes servizos en todo o territorio”. Ademais, aproveitando a situación de proximidade, impulsan a “confianza, a seguridade e a accesibilidade das persoas, ao tempo que se reforza a conexión con outras administracións”, engadiu.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse tamén á implantación da nova Lei de eficiencia xudicial, tema central do encontro de hoxe, agradecendo a implicación dos profesionais da xustiza en todo o proceso. Nesta liña, incidiu no esforzo realizado pola Xunta para que a implantación se realizase nos tempos marcados polo Goberno central, a pesar da complexidade da reforma e de non contar con apoio económico do Estado.

Para logralo, o Goberno galego, a maiores de adecuar os espazos e os medios tecnolóxicos á prestación das novas xestións, acompañou os profesionais con formación e orientación, ademais de participar en actividades divulgativas e xuntanzas con diferentes colectivos. “Garantimos así que os servizos da Administración de Xustiza se seguisen prestando sen apenas incidencias”, apuntou.