Xuíces/as de paz
Procedemento de nomeamento
"A elección do/a xuíz/a de paz e da persoa substituta efectuarase polo pleno do concello co voto favorable da maioría absoluta dos seus membros"
As principais fases do procedemento para o nomeamento do/a xuíz/a de paz son:
- Convocatoria de vacantes: As vacantes de xuíz/a de paz e persoa substituta anunciaranse polo concello respectivo mediante convocatoria pública, con indicación do prazo e lugar de presentación das instancias. Ademais, deberase publicar no Boletín Oficial da Provincia e mediante edictos no taboleiro de anuncios do concello, no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución do partido xudicial e na propia Oficina de Xustiza no Municipio..
- Presentación de candidaturas: As persoas interesadas deberán acompañar á súa solicitude a documentación que no anuncio se mencione, así como os títulos académicos que posúa. Non é necesario dispor do título de licenciado/a en Dereito.
- Elección de candidatos/as: A elección do/a xuíz/a de paz e da persoa substituta efectuarase polo pleno do concello co voto favorable da maioría absoluta dos seus membros. Se non houbese solicitantes, o pleno elixirá libremente con suxeición aos mesmos requisitos de procedemento.
- Elevación do acordo: O acordo do concello será remitido ao/á Xuíz/a de Primeira Instancia e Instrución do partido xudicial ou, se houber varios, ao/á decano/a, que o elevará á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
- Nomeamento e publicación: Se a Sala de Goberno do TSXG considera que as persoas elixidas polo concello reúnen as condicións de capacidade e de elixibilidade esixidas pola lei, expedirá os correspondentes nomeamentos e ordenará a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Tamén informará o Consello Xeral do Poder Xudicial e ao/á Xuíz/a de Primeira Instancia e Instrución do partido xudicial do partido xudicial, ou ao/á decano/a.
Para saber máis...
- Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial, modificada pola Lei Orgánica 19/2003
- Acordo do 7 de xuño de 1995, do pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, polo que se ordena a publicación dos regulamentos da carreira xudicial, da Escola Xudicial, dos xuíces de paz, dos órganos de goberno de tribunais e dos aspectos accesorios das actuacións xudiciais, así como da relación de arquivos de carácter persoal existentes no Consello Xeral do Poder Xudicial