Características e competencias
Os servizos comúns de Atención á Vítima e Asistencia á Cidadanía son atendidos por persoal ao servizo da Administración de xustiza e teñen a función principal de atención personalizada á cidadanía, tanto persoal coma telefónica. Ademais, esta atención debe ser adaptada ás características sociais, culturais e psicolóxicas de cada un dos cidadáns que acudan aos xulgados solicitando atención ou información.
Cómpre distinguir as principais competencias de cada oficina (a de Atención aos/ás Cidadáns/ás e as de Asistencia ás Vítimas), partindo de que as dúas dependen do/a xuíz/a decano/a e do/a letrado/a da Administración de Xustiza do decanato
Oficinas de Atención á Cidadanía
Respecto ás Oficinas de Atención Cidadá, correspóndelles estas competencias:
- Facilitar información xeral sobre a identificación, situación e competencia de calquera órgano ou servizo da Administración de xustiza -especialmente, os situados na mesma sede-, así como responder ás demandas concretas de información sobre competencia dos órganos, procedementos, trámites, requisitos e documentación para as actuacións que o/a cidadán/á se propoña realizar.
- Proporcionar asistencia respecto dos trámites e documentos precisos para reclamar as indemnizacións económicas que lle poidan corresponder ao/á cidadán/á pola intervención en procesos xudiciais como testemuñas ou peritos.
- Subministrar información aos/ás cidadáns/ás sobre a existencia dos servizos de orientación xurídica dependentes dos colexios de avogados/as no suposto de consultas referidas ao seu ámbito de actuación. En ningún caso a atención e información facilitada entrañará unha interpretación normativa, consideración ou asesoramento xurídicos nin valoración económica ningunha sobre os distintos tipos de procedemento.
- Facilitar orientación ás vítimas de delitos en relación cos servizos sociais e recursos públicos dispoñibles para a súa atención.
- Facilitar os documentos e formularios aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, así como aqueles confeccionados pola Xunta de Galicia en materia de xustiza.
Oficinas de Asistencia á Vítima
As Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV) son equipos multidisciplinares formados por un/unha psicólogo/a e un/unha traballador/a social para prestar atención e asistencia ás vítimas dos delitos.
Teñen como obxectivo xeral prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas e dar resposta ás necesidades específicas no ámbito xurídico, psicolóxico e social.
Configúranse como un servizo público e gratuíto para protexer adecuadamente a intimidade e dignidade da vítima e evitar o risco da súa revitimización ou vitimización secundaria.
Os destinatarios dos seus servizos son:
- As mulleres vítimas de violencia de xénero e os fillos e fillas menores, así como quen estea suxeito/a a tutela, garda ou custodia das mulleres vítima de violencia de xénero.
- As persoas menores de idade vítimas do delito, especialmente se este é de abuso, explotación ou pornografía infantil.
- As vítimas de agresións sexuais.
- As vítimas de trata de seres humanos.
- Calquera outra vítima na que concorran factores de especial vulnerabilidade, xa sexa pola súa situación persoal, xa sexa pola violencia ou gravidade do delito: entre outros, menores vítimas de abuso ou maltrato e persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental.
- As demais vítimas, nos termos contidos no artigo 2 do Estatuto da vítima do delito.