Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta aposta pola cooperación transfronteiriza en materia de xustiza para afrontar os retos futuros con propostas conxuntas


O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participa na inauguración do I Curso de Cooperación Xudicial Transfronteiriza e Retos Dixitais organizado pola Asociación Profesional da Maxistratura e a Associação Sindical dos Juízes Portugueses

Puxo en valor o exemplo de cooperación transfronteiriza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e destacou o traballo da Xunta no ámbito xudicial coa implantación da Lei estatal de eficiencia xudicial ao incorporarse á nova estrutura da oficina xudicial os máis de 2.900 funcionarios da Administración de Xustiza

A Coruña, 12 de marzo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe na inauguración do I Curso de Cooperación Xudicial Transfronteiriza e Retos Dixitais que “cada vez é máis necesario cooperar máis alá das fronteiras administrativas en materia de xustiza. No evento, organizado pola Asociación Profesional da Maxistratura e a Associação Sindical dos Juízes Portugueses avogou por avanzar na cooperación xudicial no noroeste peninsular para facilitar o traballo da Administración de Xustiza grazas ao diálogo institucional e ao coñecemento mutuo.

Por iso, sinalou que iniciativas coma este curso contribúen a intercambiar e compartir experiencias de operadores xurídicos sobre o eido da Administración de Xustiza en cada territorio, da situación actual e “os desafíos futuros aos que ofrecer respostas conxuntas e comúns”. Deste xeito, incidiu que Galicia leva demostrando as vantaxes da cooperación transfronteiriza con Portugal a través do traballo levado a cabo desde a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para atender as demandas dos milleiros de persoas que viven, estudan ou traballan a ambos lados da fronteira.

Por outra parte, na súa intervención, o conselleiro de Xustiza lembrou o traballo levado a cabo para a implantación en Galicia das distintas fases da lei estatal de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza. Así, tras poñer en funcionamento a adaptación da norma en xullo en 38 dos 45 partidos xudiciais da comunidade, xa está operativa tamén a transformación dos antigos xulgados en seccións de tribunais de instancia nas sete cidades galegas e, como aclarou o conselleiro, xa están dados de alta na nova estrutura da oficina xudicial os máis de 2.900 funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia.

Canto ao avance na modernización e dixitalización da xustiza en Galicia, Diego Calvo destacou o III Plan Tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia. Senda 2025, ao que a Xunta destina 43 millóns de euros para a consolidación dixital da xustiza e  facela máis próxima á cidadanía con servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades.