A Xunta convoca cinco edicións do curso básico de auxiliares de Policía Local
A Academia Galega de Seguridade Pública impartirá ao longo de xuño as accións formativas, de carácter presencial e que suman 300 prazas
Inclúen formación teórica e práctica para a capacitación no desenvolvemento das funcións deste persoal
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de cinco cursos básicos de auxiliares de Policía Local, impartidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para proporcionarlles a estes profesionais a formación teórica e práctica que os capacite para o desenvolvemento das súas funcións.
Os cursos, presenciais e cunha duración de 24 horas lectivas, desenvolveranse ao longo do mes de xuño e contan con 60 prazas cada un. Os contidos previstos abranguen intervención policial, tráfico e seguridade viaria, policía administrativa, primeiros auxilios, aplicacións básicas do Dereito Penal e Procesual-Penal, relacións coa cidadanía e protocolo e saúdo.
As accións formativas están dirixidas ao persoal seleccionado dentro do proceso selectivo unitario que desenvolve a Agasp no marco dos convenios asinados cos concellos e que non realizasen o curso nos últimos catro anos, así como ao persoal integrante da lista de contratación creada ao abeiro dos procesos selectivos unitarios de anos anteriores. Tamén pode participar persoal seleccionado e proposto polos concellos, que puidese prestar servizo como auxiliar de Policía Local de forma temporal.
O alumnado procedente do proceso selectivo unitario e da lista de colaboración será inscrito automaticamente pola Agasp. No caso dos concellos interesados en propoñer persoal, poden presentar a solicitude a partir de mañá.
A convocatoria forma parte da programación formativa deseñada pola Academia Galega de Seguridade Pública para o presente ano 2026. En concreto, no eido da seguridade o plan de formación continua da Agasp para este exercicio inclúe 310 actividades formativas de case 14.000 horas con máis de 9.700 prazas reservadas para axentes da Policía Local, da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), da Policía Nacional e da Garda Civil, así como das organizacións sindicais policiais, entre outros.
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade da cidadanía galega.