A Xunta destaca o administrador concursal como peza fundamental dun sistema xudicial eficiente
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou no III Encontro nacional de seccións colexiais de Dereito Mercantil e Concursal
A Coruña, 7 de maio de 2026
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do III Encontro nacional de seccións colexiais de Dereito Mercantil e Concursal, onde destacou a figura do administrador concursal como “peza fundamental dun sistema xudicial eficiente” xunto cos xulgados do Mercantil. Sinalou tamén a súa relevancia na estrutura económica e empresarial, así como a necesidade de colaboración co seu labor por parte da Administración para contribuír á celeridade no tráfico mercantil.
José Tronchoni referiuse ao interese deste foro nacional, celebrado co apoio da Xunta, para “reflexionar sobre os retos no ámbito concursal, alumear ideas de utilidade para os operadores xurídicos e axuda ás empresas viables para reflotarse e evitar a liquidación”. Nesta liña, incidiu tamén na importancia da formación continua como “instrumento de xestión e adquisición de coñecementos e actitudes” e do seu impulso por parte dos colexios profesionais.
Por outra banda, o director xeral sinalou a aposta da Xunta polo “binomio tecnoloxía e dereito” para fomentar “a colaboración e a comunicación entre todos os operadores xurídicos e económicos, facilitando un enfoque proactivo e transparente na prestación de servizos legais”, automatizando os procesos de toma de decisións e facilitando tarefas.