Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

Os profesionais da xustiza e a cidadanía galega xa poden acceder á información relativa aos seus procedementos na Carpeta Justicia do Ministerio


Galicia completou a integración que permite consultar nun único punto o estado dos expedientes, as notificacións e os sinalamentos de calquera procedemento do que sexan parte

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2026

A Xunta de Galicia completou o proceso de integración da Carpeta Xustiza de Galicia coa iniciativa estatal Carpeta Justicia, ampliando as posibilidades de acceso á información xudicial tanto para os profesionais do eido xudicial como para a cidadanía. Esta integración reforza a interoperabilidade entre as distintas administracións con competencias en materia de administración de xustiza e facilita a consulta da información a través dun punto único de acceso de ámbito estatal, especialmente nos casos de persoas con procedementos en distintos territorios.

Desde hoxe, a través da Carpeta Justicia do Ministerio de Xustiza, pódese consultar a información dispoñible na Administración de Xustiza en Galicia, a través da sede electrónica xudicial https://sede.xustiza.gal/. Isto inclúe o expediente xudicial electrónico, que mostra en tempo real o estado dos procedementos en tramitación; as notificacións xudiciais; e os sinalamentos, que indican o día e a hora de xuízos, vistas ou comparecencias, tanto para persoas como para profesionais.

A través desta ferramenta, as persoas usuarias poderán acceder de maneira segura á información actualizada, reforzando a transparencia e facilitando a relación electrónica coa Administración de Xustiza.

Esta integración supón un avance significativo no acceso á información xudicial, permitindo unha maior visibilidade, organización e eficiencia na consulta dos datos, así como unha mellor coordinación entre as administracións implicadas na prestación do servizo público da xustiza.

Esta actuación enmárcase nas iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para avanzar na modernización tecnolóxica da Administración de Xustiza, mellorar a interoperabilidade entre sistemas e facilitar o acceso dixital aos servizos públicos xudiciais.