A Xunta destaca a importancia da formación dos profesionais do ámbito xurídico co obxectivo de reforzar a protección do patrimonio
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participa hoxe na inauguración do curso ‘A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co urbanismo’, organizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e a Xunta
Diego Calvo lembrou os cambios introducidos polo Goberno galego na Lei de Patrimonio Cultural para axilizar trámites e garantir unha protección eficaz do patrimonio
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026
O conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do curso A protección do patrimonio histórico e a súa conexión co urbanismo, organizado polo Consello Xeral do Poder Xudicial e a Xunta co obxectivo de formar xuíces, maxistrados e persoal técnico neste ámbito.
Na súa intervención, Diego Calvo, incidiu en que a formación continua dos profesionais do ámbito xurídico é fundamental para garantir decisións rigorosas e ben fundamentadas en cuestións que afectan directamente á cidadanía, como neste caso a relación entre o desenvolvemento urbanístico e a protección do patrimonio. Neste ámbito sinalou a necesidade de avanzar cara a modelos que permitan afrontar retos como o turismo sostible, garantindo a conservación do patrimonio. De feito, referiuse ao patrimonio cultural como un ámbito estratéxico para Galicia polo seu valor como elemento identitario e pola súa importancia como activo territorial, económico e social.
Nesta liña, o conselleiro fixo referencia ao traballo levado a cabo desde a Xunta coa aprobación a comezos de ano da modificación da Lei de Patrimonio Cultural, que introduce cambios na normativa para que determinados procedementos non exixan xa autorización da Administración autonómica. Así, poden ser resoltos polos propios concellos e particulares, o que supón maior axilidade nos trámites e redución de tempos de espera sen que en ningún caso supoña rebaixar o nivel de protección do patrimonio cultural.
Tal e como lembrou, con estas modificacións introducidas a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos 2026, desde principios deste ano as entidades locais poden, xunto co procedemento de concesión de licenza, autorizar intervencións naqueles elementos que conten con protección estrutural e ambiental ou en Bens de Interese Cultural e catalogados ao tratarse de obras menores como limpeza de fachadas, cambios de pavimento ou reparación de vías. Así mesmo, tamén poden informar sobre obras no ámbito dos Camiños de Santiago catalogados.