A Xunta destina máis de 1,2 M€ aos profesionais da avogacía e da procuradoría polos gastos de funcionamento e infraestrutura da quenda de oficio
O DOG publica a contía deste sistema de compensación, fixado en ambos casos nun 8% do importe total certificado en 2025 polos colexios da avogacía e da procuradoría da Comunidade
A achega súmase á das ordes de compensación da avogacía e da procuradoría no ámbito da quenda de oficio, que en 2026 conta cun orzamento de 18,5M€, un 20% máis que no ano anterior
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a transferencia de máis de 1,2 millóns de euros ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura pola prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta.
En ambos casos, a cantidade destinada para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 8% do importe total certificado en 2025 polos colexios de avogados en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas e de procuradores da Comunidade.
Este sistema de compensación efectúase de conformidade co Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade autónoma de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño e tamén polo que Decreto 134/2017, do 7 de decembro, que no seu artigo 45 recolle que a Consellería competente en xustiza asumirá anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de profesionais para atender os gastos derivados do funcionamento da infraestrutura colexial, que requiren os servizos de asistencia xurídica.
Este importe súmase ao das ordes de compensación dos colexios da avogacía e da procuradoría no ámbito da quenda de oficio, que en 2026 conta cun orzamento de 18,5 millóns de euros. Esta cifra representa unha suba do 20% con respecto á contía do ano anterior. Neste marco de acción cómpre lembrar que Galicia é referente en asistencia xurídica gratuíta grazas á vontade de diálogo que a Xunta mantén cos profesionais da avogacía e a procuradoría.
A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, que considera fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Así, inclúe conceptos que non se recollen na normativa estatal, mediante convenio, e é unha das comunidades máis áxiles no seu pagamento.