Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

Manuel Pardo supervisa o remate das obras de reparación das filtracións do edificio xudicial de Bande


Manuel Pardo explicou que nesta intervención para reparar as filtracións do xulgado, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinou máis de 40.000 euros

O delegado territorial enmarcou estas actuacións dentro da estratexia global da Xunta para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, na que leva a investir máis de 165 millóns de euros entre 2014 e 2026

Tamén destacou a aposta do Goberno galego por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que os edificios xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables

Ourense, 9 de abril de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá, acompañado da alcaldesa, Sandra Quintas, ao edificio xudicial do concello de Bande, para supervisar o remate das obras de reparación das filtracións deste inmoble, ás que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinou máis de 40.000 euros.

O delegado territorial explicou que esta intervención consistiu na limpeza profunda da superficie e do zócalo de granito, retirando toda a sucidade; na reparación de microfisuras é de selados encontros carpintería de aluminio con monocapa; na aplicación de pintura monocapa, no rexuntado de zócalo de granito, con morteiro epoxi e no tratamento hidrofugante con aplicación a rolo de dúas mans de película impermeable a auga da choiva.

Durante o percorrido polas estancias do edificio, Manuel Pardo enmarcou estas medidas de mellora no acondicionamento dos edificios xudiciais como unha das principais prioridades da Xunta. Neste senso subliñou que, dentro da estratexia global para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, o Executivo autonómico leva a investir máis de 165 millóns de euros entre 2014 e 2026.

O representante do Goberno galego rematou destacando a aposta da Xunta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios  xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables. Así, contribúese a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións que respondan ás necesidades tanto das persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza.

Últimas actuacións desenvolvidas

No último ano a Xunta desenvolveu actuacións de mellora en varios edificios xudiciais da provincia de Ourense como os traballos de impermeabilizacion da cuberta do patio interior por filtración de auga no novo edificio xudicial da cidade de Ourense. Así mesmo, realizáronse distintas actuacións de mellora nos edificios xudiciais de Celanova, O Carballiño e O Barco de Valdeorras.