A Xunta impulsa a accesibilidade á xustiza a través de formación de profesionais en mediación inclusiva e facilitación procesual
A través dun convenio con ESFEM Formación Empresarial impartirase un curso destinado a fortalecer as competencias xurídicas, comunicativas e relacionais precisas
A iniciativa súmase a outras actuacións do Goberno galego para garantir o acceso de todas as persoas aos servizos do eido xudicial en igualdade de condicións
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026
A Xunta impulsa a accesibilidade aos servizos de xustiza a través da formación de profesionais en mediación inclusiva e facilitación procesual, segundo establece o convenio asinado hoxe entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o representante de ESFEM Formación Empresarial, Jose Manuel Palacios. No acto de sinatura estivo tamén o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.
O acordo recolle a colaboración no desenvolvemento dun curso de 100 horas que combina fundamentos xurídicos, competencias comunicativas, deseño de apoio e traballo aplicado sobre casos. Deste xeito, ESFEM Formación Empresarial impartirá a acción formativa destinada a preparar e actualizar as persoas profesionais no deseño, aplicación e supervisión de apoios que garantan a comprensión, participación efectiva e toma de decisións informada das persoas con discapacidade no ámbito xudicial. Coa medida búscase tamén fortalecer as competencias xurídicas, comunicativas e relacionais necesarias para intervir con solvencia técnica nos procedementos xudiciais que involucren persoas con discapacidade.
Ademais, a entidade proporcionaralle á Dirección Xeral de Xustiza a relación de profesionais que superaron o curso e que teñen vontade de integrarse no servizo de facilitación procesual, así como a proposta de itinerarios de derivación e de coordinación cos órganos xudiciais. Pola súa banda, a Xunta colaborará nas actividades docentes de ESFEM mediante a participación ou a cesión de espazos, así como na súa difusión.
O convenio recolle tamén por parte de ESFEM a elaboración dunha proposta de viabilidade dun proxecto piloto de facilitación procesual en Galicia, no que se inclúa acompañamento a dilixencias xudiciais para explicar procedementos, roles e consecuencias das decisións, axuda na comprensión de resolucións mediante o emprego da lectura fácil e a elaboración de materiais adaptados, e a incorporación de apoios visuais inspirados en experiencias de accesibilidade cognitiva.
A través do acordo, que se estenderá durante dous anos prorrogables por outros dous, a Xunta quere impulsar e darlle visibilidade á figura do facilitador procesual implantada recentemente e que a normativa define como a persoa que traballa, segundo sexa necesario, co persoal do sistema de xustiza e as persoas con discapacidade para asegurar unha comunicación eficaz durante todas as fases dos procedementos xudiciais. Así, este profesional acompaña a persoa con discapacidade para que comprenda e tome decisións informadas, asegurándose de que todo o proceso se explique adecuadamente a través dunha linguaxe comprensible e fácil, e de que se proporcionen os axustes e o apoio adecuados.
Aposta pola xustiza accesible
A Xunta xa conta con varias medidas para garantir a accesibilidade das persoas con diversidade funcional aos servizos de xustiza en igualdade de condicións. Nesta liña, colabora coa Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión Galicia) para apoiar o proxecto de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil. Trátase así de mellorar o acceso á xustiza das persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e con dificultades de comprensión lectora.
A maiores, financia a prestación do servizo de interpretación de signos en lingua española para a atención de persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas na Administración de xustiza en Galicia co obxectivo de contribuír á eliminación das barreiras de comunicación que lles impiden o acceso en igualdade de condicións a estes servizos.