Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta destaca as facilidades que ofrece o portal da sede xudicial para a aportación de informes periciais


O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou no I Simposium Pericial da Unión Profesional de Galicia e recordoulles aos profesionais que poden presentar os seus informes por vía telemática e intervir nos procesos por viodeconferencia

Destacou a importancia da formación continua para ofrecer unha xustiza de calidade

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración do I Simposium Pericial da Unión Profesional de Galicia, no que destacou a formación continua e o seu impulso por parte dos colexios profesionais para mellorar a calidade dos dictames xudiciais.

Durante a súa intervención, José Tronchoni destacou o traballo que vén desenvolvendo a Xunta para avanzar na modernización e dixitalización da xustiza en Galicia. Lembrou neste sentido a posta en funcionamento do novo portal da Sede Xudicial, dirixido aos profesionais da xustiza e con funcionalidades específicas para os peritos xudiciais, que, con esta ferramenta poden presentar os seus informes por vía telemática e intervir nos procedementos mediante videoconferencia.

O director xeral de Xustiza lembrou que todos os tribunais de instancia de Galicia están xa dotados co equipamento tecnolóxico necesario para garantir conexións seguras por videoconferencia con calquera órgano xudicial, o que facilita as comparecencias desde o despacho profesional ou desde o domicilio.

En sintonía co obxectivo do I Simposium Pericial, Tronchoni salientou o papel cada vez máis relevante dos informes periciais nos procesos xudiciais. A xornada incluíu relatorios sobre a elaboración de informes, a designación xudicial de peritos e a experiencia de especialistas en distintos ámbitos.