A Xunta aposta pola prevención e a cooperación na loita contra o narcotráfico
O director xeral de Xustiza participou na inauguración da xornada ‘Narcotráfico: novos retos globais’, organizada pola Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico
A Academia Galega de Seguridade Pública acolleu o encontro dirixido a profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros
A Estrada (Pontevedra), 26 de novembro de 2026
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración da xornada Narcotráfico: novos retos globais, onde incidiu na importancia da prevención e da cooperación na loita contra o narcotráfico e os delitos asociados a esta actividade. O encontro, organizado pola Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico reúne ao longo do día na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros.
Para o director xeral, a prevención non é un complemento da seguridade, senón que forma parte dela. Nesta liña, salientou a necesidade de apostar pola formación e a información, dirixida especialmente á mocidade. Sinalou tamén a cooperación internacional como elemento imprescindible na loita contra o narcotráfico, compartindo datos e coordinando investigacións.
José Tronchoni tivo ademais palabras de apoio para os distintos colectivos profesionais que traballan para garantir a seguridade fronte aos delitos relacionados co narcotráfico, ao tempo que afirmou que “a lexitimidade do Estado é unha das maiores fortalezas fronte ao crime organizado”.
Segundo apuntou, a celebración da xornada Narcotráfico: novos retos globais enmárcase precisamente na aposta pola prevención a través do coñecemento, para favorecer así o desenvolvemento de habilidades e que as institucións “conten con bos profesionais integrados nun proxecto común para ofrecerlle un servizo de calidade á cidadanía”. A isto engadiu a vontade de seguir traballando para “garantir na Administración de Xustiza un servizo moderno, áxil e eficiente”.
Tras a inauguración, a sesión de mañá continuou con intervencións centradas na situación e tendencias dos novos mercados das drogas sintéticas, no financiamento do tráfico de drogas, no tráfico marítimo e fluvial, e na cooperación internacional: Xa pola tarde, as temáticas abordadas son a violencia e a seguridade cidadá, e os novos retos, coa exposición de experiencias e propostas.
A través destes contidos búscase facilitar a análise da situación actual, das novas problemáticas e das tendencias no tráfico de drogas, especificamente no relativo á loita contra o narcotráfico en Europa e España, ademais de afondar no contexto galego.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece accións formativas e divulgativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Así, a xornada Narcotráfico: novos retos globais enmárcase na programación formativa da academia para o segundo semestre do ano.