A Xunta destaca a importancia de priorizar a viabilidade das empresas nos procesos de insolvencia
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, participou no XX Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal
Subliñou o papel dos administradores concursais na procura de solucións que permitan manter a actividade empresarial e protexer o emprego
Salientou a relevancia da formación e da colaboración entre profesionais para afrontar os retos dos procesos de insolvencia
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026
O secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad, participou hoxe na apertura do XX Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal, organizado polo Consello Galego de Economistas, onde destacou a importancia de avanzar cara a un sistema concursal que lle dea prioridade á continuidade das empresas cando existan posibilidades reais de viabilidade. Baixo o lema Crear e preservar valor en escenarios de insolvencia, esta edición reúne profesionais dos ámbitos xurídico e económico para analizar os retos actuais dos procesos de insolvencia.
Javier Abad sinalou que os instrumentos actuais, como os plans de reestruturación, permiten anticiparse ás dificultades e buscar alternativas á liquidación, co obxectivo de manter a actividade empresarial, protexer o emprego e facilitar a recuperación dos créditos por parte dos acredores. Neste contexto, salientou o papel dos administradores concursais, tanto na procura de solucións para as empresas viables como na xestión dos procesos de liquidación cando non existe outra alternativa, sempre coas maiores garantías.
O secretario xeral técnico incidiu tamén na importancia de que os profesionais conten cunha preparación sólida e actualicen os seus coñecementos para responder á complexidade dos procedementos e aos cambios normativos. Nesta liña, resaltou a utilidade de encontros coma este, que permiten compartir experiencias, contrastar puntos de vista e seguir avanzando nunha especialidade que require unha formación permanente. Tamén recoñeceu o labor dos colexios profesionais neste ámbito.
Así mesmo, Javier Abad reiterou a vontade de colaboración da Xunta cos profesionais do ámbito concursal para avanzar cara a un sistema concursal e unha Administración de Xustiza eficaces, capaces de ofrecer respostas a tempo e axudar as empresas a superar as dificultades cando aínda existen opcións de continuidade.