A Xunta destaca o papel da intelixencia artificial na modernización de Xustiza
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración da ‘XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial’, centrada nesta edición no impacto da intelixencia artificial na Administración de Xustiza
Explicou que Galicia xa ten en marcha o novo Plan Senda 2028, dotado con case 25M€, para continuar avanzando na transformación dixital do sistema xudicial e dar continuidade ao Plan Senda 2025 no que se investiron 43M€
Xunto coa transformación dixital incidiu no cambio organizativo que supuxo a implantación na comunidade da Lei estatal de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza
Bergondo (A Coruña), 7 de xullo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Xustiza, José Tronchoni participou hoxe no Pazo de Mariñán na inauguración da XXVIII Escola de Verán do Poder Xudicial, onde puxo en valor a iniciativa como punto de encontro e cita consolidada e de referencia entre os membros da carreira xudicial de toda España para reforzar a súa formación.
A edición deste ano céntrase no impacto da intelixencia artificial na Administración de xustiza, unha ferramenta que, segundo destacou o conselleiro, require de formación como esta Escola de verán para que os profesionais deste ámbito poidan reflexionar e debater sobre as oportunidades e os retos da incorporación desta tecnoloxía á actividade xudicial.
Nesta liña, sinalou que a intelixencia artificial pode contribuír a mellorar a xestión da información, automatizar determinadas tarefas e facilitar o traballo dos profesionais, pero advertiu tamén da necesidade de garantir a protección dos dereitos fundamentais. Por iso, a Xunta conta -indicou- cun Plan de medidas de mellora da ciberseguridade no ámbito xudicial, que permitiu reforzar a protección dos equipos informáticos utilizados polos profesionais e impulsar accións formativas para previr ameazas dixitais.
Do mesmo xeito, lembrou o compromiso da Xunta coa modernización da Administración de Xustiza a través da incorporación de novas tecnoloxías. Así, o Goberno galego xa aprobou o Plan Senda 2028, dotado con 24,4 millóns de euros -dos que 6,9 millóns corresponden a fondos europeos Feder-, co obxectivo de mellorar os servizos dixitais da xustiza e avanzar cara un sistema máis eficaz e accesible. O Plan introduce a intelixencia artificial como elemento central e busca adaptar a xustiza dixital de Galicia ao novo marco legal establecido pola Lei orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza.
No que se refire precisamente á posta en marcha desta normativa estatal na comunidade, Diego Calvo destacou que se trata dunha transformación organizativa moi complexa ao substituír unha estrutura vixente desde o século XIX e que no caso de Galicia afectou aos 45 partidos xudiciais e supuxo reorganizar máis de 3.000 funcionarios da Administración de Xustiza.
Por outra banda, previamente á inauguración da Escola de Verán, o conselleiro asinou o convenio de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e a Deputación provincial da Coruña a través do que se contribúe ao desenvolvemento desta iniciativa.