Galicia apoia en Bruxelas que as rexións teñan maior protagonismo na transformación da industria de defensa da UE
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu no Comité das Rexións unha gobernanza multinivel que conte de forma activa cos territorios
A Xunta pon en valor o potencial galego no sector naval e tecnolóxico para atraer investimentos
Bruxelas, 6 de xullo de 2026
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións, onde se debateu a folla de ruta para a transformación da industria de defensa da Unión Europea.
Na súa intervención, Gamallo trasladou o apoio de Galicia a esta iniciativa europea e subliñou que a transformación da industria de defensa debe contribuír a reforzar a competitividade, a innovación e a resiliencia dos territorios. Neste sentido, destacou as capacidades de Galicia en ámbitos como a industria naval e marítima, o sector aeroespacial, a ciberseguridade, a intelixencia artificial e as tecnoloxías de dobre uso.
Gamallo defendeu un maior apoio ás pemes innovadoras e unha maior cooperación entre rexións para reforzar as cadeas de valor europeas, reclamando ademais unha gobernanza multinivel que conte coa participación activa dos territorios no desenvolvemento das políticas europeas de defensa.
Durante a Comisión ECON analizouse o documento de traballo sobre a futura Estratexia Industrial Marítima da UE, unha iniciativa que Galicia apoia e na que busca reforzar a competitividade do sector a través de dúas vías: unha maior participación das rexións marítimas e un acceso axeitado ao financiamento europeo.
Así mesmo, no transcurso da sesión aprobouse unha declaración sobre o Paquete de Primavera 2026 do Semestre Europeo, na que valora positivamente o reforzo da dimensión territorial na coordinación das políticas económicas da UE. O texto destaca o papel esencial das autoridades rexionais e locais no deseño e aplicación das reformas e investimentos necesarios para reforzar a competitividade europea, ao tempo que reclama unha maior implicación das rexións na gobernanza do Semestre Europeo. O documento tamén subliña a necesidade de abordar as persistentes disparidades territoriais, reforzar a cohesión económica, social e territorial e prestar unha atención específica a desafíos como a transformación industrial, o cambio demográfico ou o acceso á vivenda.
A axenda da reunión incluíu ademais plans clave para o tecido económico galego, como a Revisión de ciberseguridade e o Regulamento de Redes Dixitais, xunto coa futura Lei de Aceleración Industrial, sendo todas elas ferramentas claves para axilizar os proxectos estratéxicos na comunidade.
Contexto
No mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación coa política económica, industrial e comercial comunitaria.