Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e a fiscala superior de Galicia presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta de Coordinación entre a Xunta e o Ministerio Fiscal

A Xunta aborda cos profesionais da Fiscalía a adaptación da Oficina Fiscal á nova estrutura derivada da Lei estatal de eficiencia xudicial


O Goberno galego e a Fiscalía superior de Galicia fan seguimento do proceso de implantación da normativa e a incidencia do novo modelo organizativo nas oficinas das fiscalías de área 

A Xunta mantén o compromiso coa formación continuada do persoal fiscal adecuando os contidos ao ordenamento xurídico autonómico galego

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró, presidiron esta mañá a Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta na que se abordou, entre outros asuntos, a incidencia nas oficinas das fiscalías de área da implantación da Lei Orgánica 1/2025 de medidas en materia de eficiencia do servizo público de xustiza. Así, realizouse un seguimento das medidas organizativas vinculadas á  nova configuración das oficinas fiscais.

En concreto, no que se refire á evolución do cadro de persoal das oficinas de fiscalías da área, cómpre destacar que se incrementou en case un 50% desde 2014 ata acadar os 149 efectivos actuais. Pese á creación de catro prazas este ano coa nova oficina xudicial en Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, a Xunta continuará a avaliar a carga de traballo e estudar novas necesidades e peticións de reforzo que poidan xurdir. Ademais das novas catro prazas, está prevista para este exercicio a incorporación de oito novos xuíces que exercerán funcións de reforzo en Carballo, Ordes, Ribeira, Sarria, Cambados, Cangas, Ponteareas e Vilagarcía.

No encontro de hoxe tamén se abordaron cuestións relacionadas coa formación continuada do persoal fiscal. Nesta liña, a Xunta mantén o compromiso de ofrecer contidos adecuados ao ordenamento xurídico autonómico galego. Entre os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública destacan os de linguaxe xurídica (medio e superior) que inclúe aos profesionais da fiscalía entre os seus destinatarios.

No encontro de hoxe tamén participaron o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni xunto con outros representantes da Xunta. Por parte da Fiscalía asistiron a fiscal de sala xefa da Unidade de Apoio da Fiscalía Xeral do Estado, Esmeralda Rasillo; o fiscal da Unidade de Apoio, Raúl Martínez; e os fiscais xefes provinciais das catro provincias galegas.