Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Imelga, Noemí Morte, presentaron a memoria de 2025

O Instituto de Medicina Legal de Galicia rexistrou en 2025 máis de 34.000 solicitudes de pericias médicas, psicolóxicas e sociais e emitiu máis de 29.000 informes


A actividade mantívose en niveis semellantes aos de 2024, consolidando a carga de traballo e a capacidade de resposta do instituto

Proseguiu o desenvolvemento das salas amables para os menores e duplicou o número de valoracións vencelladas á violencia de xénero

Potenciou a dixitalización cunha nova páxina web e reforzou as súas colaboracións con outras entidades intensificando o traballo en formación e prevención

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Noemí Morte, presentaron hoxe en rolda de prensa os datos correspondentes á memoria de actividade do instituto en 2025, tanto no ámbito da clínica forense, que abarca as pericias demandadas polas autoridades xudiciais en suxeitos vivos, como no de patoloxía forense, centrado nas causas e circunstancias da morte.

Este instituto concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións, unha en cada unha das sete cidades galegas, e conta con 141 profesionais entre médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios dos corpos xerais e auxiliares de autopsia.

Segundo a memoria publicada na web, o Imelga recibiu 34.089 solicitudes de actividade pericial ao  longo do ano 2025 e emitiu 28.099 informes definitivos, o que supón a resolución de máis do 82% dos expedientes iniciados. A actividade mantívose en niveis semellantes aos de 2024, consolidando a carga de traballo e a capacidade de resposta do instituto.

O ámbito da clínica forense, que engloba todas as pericias médicas, xudiciais e extraxudiciais e as dos equipos psicosociais (psicolóxicas ou de traballo social) demandadas por xuíces, tribunais e fiscalías, constituíu un ano máis o núcleo principal do labor do Imelga, con 30.469 peticións, que representan aproximadamente nove de cada dez solicitudes tramitadas. Neste ámbito, a carga maioritaria desenvólvese no eido da pericia médica xudicial (27.780), seguida da pericia extraxudicial (1.731) e da pericia psicosocial. A patoloxía forense protagonizou 3.620 solicitudes, na súa maioría correspondentes á práctica de autopsias ou recoñecementos de cadáver en investigacións xudiciais.

A pericia médica xudicial do servizo de clínica forense, con 21.176 pericias solicitadas, representa a meirande parte da demanda pericial xudicial total. Divídese principalmente en dúas áreas: a de avaliación de lesións e outra de psiquiatría forense. No caso das valoracións do dano corporal, rexistráronse 9.713 solicitudes. A maior parte das demandas estiveron vencelladas a agresións ordinarias (6.537), seguidas polas agresións  físicas relacionadas coa violencia sobre a muller 1.154 e as lesións de tráfico (692).

No que atinxe ás valoracións psiquiátricas forenses, rexistráronse 14.232 peticións o ano pasado, que, ao igual que no 2024, supoñen algo máis da metade da actividade pericial xudicial. Neste ámbito, mantéñense como os supostos máis demandados os internamentos involuntarios, tanto hospitalarios como residenciais, con máis de 3.000 pericias solicitadas en cada caso. Tamén son numerosas (4.086) as valoracións de medidas de apoio.

Por outra parte, no que se refire ás pericias psicosociais, nas que participan psicólogos e traballadores sociais, recibíronse 1.619 solicitudes. Neste eido cómpre sinalar a emisión de 1.175 informes centrados principalmente nos casos de controversias familiares.

Atención a menores e mulleres

Durante 2025 completáronse as actuacións nas salas amables das sedes de Lugo, Pontevedra e Ourense, mentres que continuaron os traballos para a súa implantación en Vigo. Estes espazos, desenvolvidos en colaboración coa Fundación Andrea, incorporan melloras na decoración, na sinalización, no mobiliario e nos espazos de espera para crear contornas máis acolledoras para nenos, nenas, adolescentes e persoas con discapacidade.

Outro dos aspectos recollidos é o reforzo da actividade desenvolvida pola Unidade de Valoración Forense Integral de Violencia de Xénero, que duplicou o número de valoracións realizadas con respecto a 2024. Entre as novidades incorporadas destaca a utilización de ferramentas de xeorreferenciación, que permiten localizar territorialmente os casos e identificar áreas de maior incidencia para facilitar a planificación de medidas preventivas.

Ademais, o Imelga levou a cabo un estudo sobre a reincidencia das persoas investigadas e intensificou a colaboración co Sergas mediante actividades formativas e a implantación de protocolos comúns para a recollida de mostras biolóxicas, favorecendo unha resposta máis coordinada entre os ámbitos sanitario e xudicial.

Servizo de Patoloxía forense

Canto ao servizo de Patoloxía Forense, este encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. O Imelga realizou 1.982 investigacións médico-legais, das 951 correspóndense a mortes naturais sometidas a investigación xudicial e outras 908 a mortes violentas. Entre estas últimas violentas destacan os 303 suicidios e 112 falecementos derivados de accidentes de tráfico.

Sobre a tendencia de predominio do estudo de mortes naturais sobre mortes violentas, a directora do IMELGA incidiu na necesidade de racionalizar a xudicialización das mortes de persoas de idade avanzada con enfermidades coñecidas e cando non existen indicios de criminalidade, co obxectivo de evitar autopsias innecesarias, optimizar os recursos públicos e reducir as demoras para as familias.

Innovación e colaboracións

A transformación dixital continuou a ser outro dos eixos estratéxicos do instituto durante 2025. Entre as principais actuacións destaca a posta en marcha da nova páxina web, que mellora a información dispoñible para a cidadanía e os profesionais; a incorporación do acceso ao Visor EXE para facilitar a consulta de documentación; o desenvolvemento de proxectos piloto de textualización mediante intelixencia artificial e escribas dixitais, co obxectivo de reducir os tempos de elaboración dos informes; e a implantación do sistema MORFEO para optimizar a xestión da información pericial.

Ademais, o instituto obtivo a certificación do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) en categoría alta, que avala o cumprimento dos máximos estándares de protección da información e ciberseguridade.

No ámbito da colaboración, o Imelga reforzou a cooperación con distintos organismos, especialmente co Sergas, co que mantén un convenio sobre violencia sexual e iniciativas de prevención do suicidio, mortes por drogas, xestión de certificados de defunción e morte súbita. Tamén colaborou con Emerxencias en simulacros.

Finalmente, incrementou a súa actividade formativa e investigadora, con cursos, convenios con centros educativos e participación en eventos sobre saúde mental e violencia, iniciando o proceso de acreditación docente MIR.