Rueda reivindica o papel de Galicia na vangarda da loita contra a violencia dixital co impulso da primeira Lei nacional neste eido
Destaca que a futura norma autonómica, na que xa se está a traballar para aprobala antes de que remate o ano, converterá á comunidade na “primeira en contar cun marco legal destas características en España e Europa”
Salienta que o texto poñerá o foco en dar unha resposta eficaz ao ciberacoso, procurando todas as garantías de protección das vítimas e dotando de ferramentas ás familias
Avoga pola implicación de toda a sociedade nun escenario onde as novas tecnoloxías abren grandes oportunidades, pero tamén actúan como unha canle para novas formas de delincuencia que poden afectar a calquera persoa, especialmente ás mocidade e ás mulleres
A Coruña, 23 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o papel de Galicia na vangarda da loita contra a violencia dixital grazas ao impulso da primeira lei nacional neste eido, a Lei de Violencia e Acoso Dixital. Trátase dunha norma “pioneira en Europa” na que o Goberno galego xa está a traballar co obxectivo de aprobala antes de finais de ano e que nace coa vocación de servir de modelo para outras normas deste ámbito de cara aos vindeiros anos.
“Queremos que sexa unha lei integral e estamos orgullosos de que sexa a primeira; oxalá cunda o exemplo e, nalgún momento, nos acompañen outras moitas comunidades autónomas”, asegurou Rueda na clausura da xornada formativa Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero, organizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. O titular do Executivo autonómico, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor a idoneidade destas xornadas formativas, que se celebran por primeira vez en Galicia.
Así, subliñou que a nova ferramenta legal ten como obxectivo prioritario dar unha resposta eficaz a condutas como o ciberacoso ou á difusión non consentida de material sexual. Neste sentido, Rueda explicou que o marco normativo se centrará en ofrecer todas as garantías de protección a quen sofre este tipo de delitos, axudar á súa recuperación integral e restaurar a súa reputación danada.
Así mesmo, destacou que dotará as familias das ferramentas necesarias para detectar calquera delito e protexerse dos perigos que entraña a rede.
Para garantir o correcto funcionamento de todas as medidas, Galicia é xa tamén a primeira comunidade en formar en violencia de xénero dixital a todo o persoal técnico que traballa de xeito directo coas vítimas. Así, Rueda avogou pola implicación de toda a sociedade nun escenario onde as novas tecnoloxías abren grandes oportunidades, pero tamén actúan como unha canle para novas formas de delincuencia que poden afectar a calquera persoa, especialmente ás mocidade e ás mulleres.
Neste sentido, incidiu en que a formación, a implicación e a detección temperá son os mellores aliados para sensibilizar á poboación e preparar os servidores públicos para ofrecer unha resposta áxil e eficaz ante calquera manifestación de violencia, por mínima que sexa.
Unha traxectoria pioneira en protección e recursos
O xefe do Executivo galego recordou que Galicia leva anos traballando con intensidade na loita contra a violencia de xénero, sendo a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei específica que se adaptou hai cinco anos para incluír explicitamente as vítimas de violencia dixital e de trata. Do mesmo xeito, remarcou que a autonomía foi pioneira a nivel estatal en “ofrecer unha prestación económica periódica anual para as vítimas, ademais da que vén desde o ámbito estatal”.
“E, por suposto, mantemos todos os recursos que seguen sendo, por desgraza, necesarios, como casas de acollida, axuda psicolóxica urxente, perspectivas laborais... Todo o que oxalá, nalgún momento, deixara de ser necesario”, asegurou, ao tempo que tamén puxo en valor os Centros de Información á Muller (CIM) e os catro móbiles impulsados este ano para achegar a atención ao medio rural e aos ámbitos universitarios de cada unha das catro provincias.