Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta destaca o carácter estratéxico do cumprimento normativo para reforzar a transparencia


O director xeral de Xustiza participou no VII Congreso Galego de Compliance organizado pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña co apoio do Goberno galego

A Coruña, 6 de xuño de 2024

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na apertura do VII Congreso Galego de Compliance, onde destacou a importancia da cultura do cumprimento normativo como ferramenta esencial para reforzar a transparencia e a boa gobernanza nas organizacións públicas e privadas.

Durante a súa intervención neste encontro, organizado pola Asociación Galega de Compliance e o Ilustre Colexio de Avogados da Coruña co apoio da Xunta, Tronchoni subliñou que o compliance deixou de ser unha opción voluntaria para converterse nun elemento estratéxico que permite identificar riscos, previr irregularidades e garantir o cumprimento das obrigas legais.

Tamén incidiu na necesidade de fomentar a transparencia tanto cara ao exterior como no interior das organizacións, con mecanismos que garantan a correcta xestión da información, a rendición de contas e a protección das persoas que comunican posibles incumprimentos.

José Tronchoni reafirmou o compromiso da Xunta cunha Administración de Xustiza moderna, dixital e eficiente e destacou a formación continua como elemento clave para mellorar a calidade do servizo e afrontar os cambios normativos e tecnolóxicos. Incidiu neste punto nos avances impulsado polo Goberno galego a través do Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125 millóns de euros, a creación de novas unidades xudiciais e os investimentos do Plan Senda 2025 para seguir avanzando na transformación dixital da xustiza galega e ofrecer unha atención máis áxil á cidadanía.