Sede Xudicial Electrónica

Portal Xustiza

A Xunta cumpre cos prazos de implantación da nova Lei de eficiencia xudicial malia o escaso apoio do Goberno central


O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, subliña que o Goberno galego tivo que asumir un custo adicional de 10 millóns de euros

Incide en que se reformaron os 45 partidos xudiciais sen interromper o servizo e sen que se rexistrasen apenas incidencias

Lamenta a precipitación na aplicación da norma e a escaseza dos recursos aportados polo Executivo estatal

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, abordou hoxe no Parlamento os retos que está a supoñer en Galicia a implantación da nova Lei de eficiencia xudicial. Na súa intervención, salientou que o Goberno galego levou a cabo a reforma nos 45 partidos xudiciais cumprindo os prazos establecidos e garantindo a continuidade do servizo, malia ás dificultades derivadas da celeridade da medida e da falta de recursos achegados desde o Goberno central.

José Tronchoni destacou que a reforma supón unha transformación estrutural sen precedentes na organización da Administración de Xustiza, ao substituír o modelo tradicional dos xulgados unipersoais polos novos tribunais de instancia e apostar por un novo modelo de xestión coa creación das Oficinas de Xustiza do Municipio, chamadas a ampliar servizos e achegar a Administración á cidadanía, especialmente no rural.

O director xeral de Xustiza subliñou que Galicia completou  a implantación do novo modelo en todos os partidos xudiciais dentro dos prazos previstos e garantindo que o servizo se continuase prestando sen apenas incidencias. Para facelo posible, a Xunta asumiu un importante esforzo organizativo e tecnolóxico que incluíu a reorganización de máis de 3.000 funcionarios e a adaptación das infraestruturas e das aplicacións necesarias para o novo modelo. Este proceso supuxo para o Goberno galego un custo adicional superior aos 10 millóns de euros durante os dous primeiros anos.

Ao respecto, Tronchoni criticou que o Executivo central impulsase unha reforma desta magnitude sen consenso suficiente coas comunidades autónomas nin cos operadores xurídicos e sen achegar os recursos necesarios para a súa execución. Segundo indicou, a Xunta tivo que asumir practicamente en solitario o custo da implantación, mentres que o Ministerio de Xustiza apenas contribuíu con fondos destinados a actuacións tecnolóxicas.

Tronchoni tamén cuestionou os prazos impostos polo Estado para executar a reforma e denunciou incidencias derivadas da falta de planificación do ministerio, como atrasos normativos, problemas nas aplicacións informáticas estatais e dificultades na posta en marcha dalgúns servizos. A pesar diso, destacou que Galicia chegou á entrada en vigor da nova oficina xudicial con todos os servizos esenciais plenamente operativos.

Balance de funcionamento positivo

En canto aos resultados, sinalou que os indicadores de actividade xudicial amosan unha adaptación positiva ao novo sistema. Os datos dos primeiros meses de funcionamento reflicten unha mínima redución da actividade respecto ao ano anterior e unha evolución máis favorable que a rexistrada noutras comunidades autónomas, mantendo a normalidade na celebración de xuízos, na atención á cidadanía e no funcionamento dos novos servizos comúns.

Por último, o director xeral asegurou que a Xunta continuará traballando para consolidar a reforma, corrixir as incidencias detectadas e impulsar o desenvolvemento das Oficinas de Xustiza do Municipio. Neste punto, recordou que a modernización da Administración de Xustiza require dun maior compromiso do Goberno central, tanto en financiamento como en dotación de xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza para garantir unha mellora real da eficiencia e dos tempos de resolución.