A Xunta destaca que a nova guía de peritos xudiciais e mediadores contribuirá a axilizar o traballo dos xulgados galegos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reúnese con representantes da Unión Profesional de Galicia, que lle presentaron a edición actualizada da ‘Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia’
O manual aglutina máis de 2.000 peritos xudiciais e 400 mediadores que poñen os seus coñecementos técnicos á disposición dos órganos xudiciais
A guía inclúe como novidade 130 expertos independentes, unha figura que busca mellorar a eficiencia da xustiza tratando de resolver conflitos para evitar a vía xudicial
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe xunto co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, ao presidente da Unión de Profesionais de Galicia José María Suárez Quintanilla, e representantes da xunta directiva da entidade, que lle fixeron entrega da edición 2026 da Guía de Peritos Xudiciais e Mediadores de Galicia.
A guía, elaborada en colaboración co Goberno galego, distribuirase en todos os xulgados e tribunais galegos para facilitar o traballo dos seus profesionais cando precisen auxilio pericial. Publicouse por primeira vez e de xeito pioneiro en 2011, e reúne de xeito organizado peritos de diversas especialidades e mediadores á disposición da xustiza.
Con esta guía preténdese asistir a xulgados, a institucións e a cidadanía na resolución de conflitos xudiciais ou extraxudiciais, proporcionando unha lista actualizada de expertos cualificados en áreas como a xurídica, técnica, sanitaria ou a económica. Con este obxectivo, o manual conta con máis de 2.000 peritos xudiciais e ao redor de 400 mediadores. Como novidade, inclúe este ano 130 expertos independentes, unha figura que pretende contribuír á eficiencia da xustiza tratando de resolver conflitos para evitar acudir á vía xudicial.
Trátase, en suma, dun directorio profesional que recompila datos de colexiados ou asociados dispostos a prestar servizo en Galicia e que poñen os seus coñecementos técnicos ao servizo dos órganos xudiciais cando sexa necesario realizar estudos que lle encomenden as autoridades xudiciais nas materias que precisen do seu auxilio.
A Xunta destaca o labor dos colexios profesionais pola súa participación na produción lexislativa a través de informes técnicos e periciais e ditames sobre a normativa que lles afecte. Así, recoñece o labor de auxilio xudicial que estes colectivos están a prestar aos xulgados e considera imprescindible contar co seu asesoramento porque os asuntos cada vez máis complexos que chegan aos tribunais requiren de coñecementos científicos, técnicos e prácticos para que o xuíz poida facer una correcta valoración das circunstancias que se presenten. Por ese motivo, é preciso contar con profesionais obxectivos e expertos coñecedores das materias á hora de tomar decisións.
Para facilitar o seu labor e no marco do Plan Senda 2025 para mellorar o servizo público de Xustiza, o Goberno galego puxo en funcionamento un novo portal da Sede Xudicial, que permite que os profesionais poidan tanto presentar os seus informes por vía telemática como solicitar intervención xudicial a través dunha videoconferencia.
A Unión Profesional de Galicia inclúe entre os seus fins o impulso á mediación e, por iso, a guía inclúe aos mediadores profesionais de Galicia que están dados de alta no Rexistro de Mediadores e Institucións de Mediación do Ministerio de Xustiza.
A Xunta considera que a Unión de Profesionais de Galicia é unha voz cualificada na relación cos colexios galegos, xa que agrupa 46 colexios profesionais de ámbito autonómico dunha trintena de profesións.