Preguntas frecuentes

A solicitude e a documentación adxunta necesaria débese presentar ante a delegación provincial da consellería competente en materia de xustiza correspondente ao domicilio da parella de feito ou en calquera dos lugares establecidos para presentación de solicitudes pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en cuxo caso a tramitación da solicitude e os efectos da inscrición só se producirán respecto á documentación que tivese entrada efectiva no rexistro de parellas de feito e dende a data na que tivese acceso a este.

Se se cumpren todos os requisitos que a normativa determina para poder inscribirse como parella de feito, xunto á solicitude de inscrición deberase acompañar a seguinte documentación:

  • Fotocopia compulsada do DNI de ambos os dous membros da parella ou, en caso de estranxeiros, documento similar no seu país.
  • Declaración responsable de non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Acreditación do estado civil de ambos os dous membros da parella mediante certificación do Rexistro Civil ou equivalente no caso de estranxeiros.
  • Certificación de empadroamento dos membros da parella nalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Declaración de vontade de constituír unha parella de feito.
  • Declaración responsable de ambos os dous de non ter constituída parella de feito con outra persoa.
  • Se é o caso, sentenza xudicial de divorcio, ou nulidade ou certificado literal de matrimonio no que conste ningún destes extremos.
  • Declaración responsable de non estar incapacitado para os efectos de prestar o seu consentimento para constituír unha parella de feito.
  • Fotocopia compulsada do libro de familia, ou equivalente, nos casos nos que houbese fillos ou fillas comúns ou de calquera dos membros da parella.

É unha unión entre dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de feito de Galicia, expresando así a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio e estendendo, desa forma, aos membros da parella os dereitos e as obrigas que a lei recoñece aos cónxuxes.

A inscrición como parella de feito no rexistro de parellas de feito de Galicia é voluntaria e ten carácter constitutivo. Para acceder á inscrición os membros da parella de feito deberán cumprir os requisitos legais establecidos.

No ordenamento xurídico español non poden constituírse en parella de feito as seguintes persoas:

  • Os familiares en liña recta por consanguinidade ou adopción.
  • Os familiares colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • E as persoas que xa estean ligados por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

Para poder inscribir unha relación como parella de feito, ambos os dous membros da parella deben cumprir unha serie de requisitos e achegar a documentación acreditativa do cumprimento deses requisitos:

  • Ser maiores de idade.
  • Non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Manifestar a vontade de constitución de parella de feito a través de modelo normalizado.
  • Non estar ligado por matrimonio ou ter formalizada parella de feito con outra persoa.
  • Non estar incapacitado xudicialmente para rexer a súa persoa.
  • Ter un dos membros da parella a veciñanza civil galega.
  • Acreditar o empadroamento dos membros da parella no mesmo domicilio, nalgún municipio de Galicia.