O rexistro de parellas de feito de Galicia creouse mediante o Decreto 248/2007, do 20 de decembro, para a inscrición das parellas de feito. Está adscrito á Dirección Xeral de Xustiza, á que corresponden as funcións de coordinación, información e aprobación de directrices comúns. Xestiónase a través das delegacións provinciais.
As principais función do rexistro de parellas de feito de Galicia son:
- A tramitación e resolución das solicitudes de inscrición e a anotación, así como a cancelación e a práctica das que procedan.
- A certificación e demais formas de publicidade dos datos que constan no rexistro referidas a solicitudes, inscricións, cancelacións, existencia e contido dos pactos, modificacións destes, acreditacións documentais e calquera outra comprendida no correspondente expediente administrativo.
- A emisión de informes de carácter técnico e estatístico cando sexan requiridos por xulgados, tribunais, o Parlamento de Galicia e outros organismos públicos.
- O arquivo e a custodia dos documentos depositados no rexistro en calquera dos soportes utilizados.
- Redactar a memoria anual do Rexistro de Parellas de feito correspondente a cada delegación provincial.
As inscricións de parellas de feito que cumpran os requisitos establecidos legalmente, poderán ter tamén acceso ao rexistro de parellas de feito de Galicia a través de:
- Os rexistros municipais de parellas ou unións de feito, naqueles concellos que conten cun rexistro deste tipo e sempre que comuniquen ao Rexistro de Parellas de feito de Galicia as inscricións practicadas, os pactos subscritos polos membros da parella e as cancelacións das inscricións practicadas ou as modificacións que afecten ao domicilio da parella ou os pactos.
- A remisión feita polos concellos deberá contar co consentimento previo e expreso de ambos os dous integrantes da parella. En todo caso, a constitución da parella de feito só se entenderá efectuada a partir da súa inscrición no rexistro de parellas de feito de Galicia.
- Os correspondentes convenios con outros rexistros autonómicos de parellas de feito ou similar natureza, sen prexuízo das necesarias autorizacións administrativas e a necesaria protección de datos de carácter persoal.