Contidos
Contidos
Dereitos e deberes ante a xustiza

Dereitos e deberes ante a xustiza

"Entre os principais deberes dos cidadáns ante a xustiza está o de participar na administración da xustiza mediante a figura do tribunal do xurado naqueles procesos penais que a lei determine"

Os dereitos e deberes dos cidadáns ante a xustiza están establecidos pola Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza, unha proposición non de lei aprobada polo Congreso dos Deputados no ano 2002 e que establece os principios de transparencia, información e atención axeitada aos usuarios da Administración de xustiza.

O obxectivo desta carta é lograr unha xustiza moderna e aberta aos cidadáns para conseguir unha Administración de xustiza responsable ante os cidadáns.

Así, asisten os cidadáns os seguintes dereitos:

  • Recibir información xeral e actualizada sobre o funcionamento de xulgados e tribunais, acceso ao contido actualizado das leis de España e da Unión Europea e a coñecer o contido e estado dos procesos nos que teñan intereses lexítimos.
  • Formular queixas e suxestións sobre o funcionamento da xustiza e esixir, en caso necesario, as reparacións a que houbese lugar
  • Acceso a unha xustiza cunha linguaxe comprensible (sen perder rigor técnico) e responsable ante o cidadán
  • Tramitación áxil e tecnoloxicamente avanzada dos asuntos que lle afectan, para que se resolvan dentro do prazo legal previsto.
  • Asistencia con especial atención e coidado daqueles que se encontran máis desprotexidos, como os que son vítimas violencia doméstica e de xénero, os menores de idade, as persoas que sufran unha minusvalidez sensorial, física ou psíquica ou os estranxeiros inmigrantes en España.
  • Recibir unha prestación profesional de calidade por parte de avogados e procuradores, de acordo cunha conduta deontolóxica correcta.
  • Esixir o cumprimento do establecido na Carta de Dereitos a xuíces e maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, avogados, procuradores e demais persoas e institucións que cooperan coa Administración de xustiza.

Os principais deberes dos cidadáns ante a xustiza son:

  • Participar na Administración de xustiza mediante a figura do tribunal do xurado naqueles procesos penais que a lei determine. Os supostos de escusa, incompatibilidade e prohibición están delimitados pola lei.
  • Obriga de prestar colaboración coa xustiza como testemuña, que esixe non só prestar testemuño senón tamén dicir a verdade.
  • No caso de presenciar a comisión dun delito, o cidadán ten o deber de poñelo en coñecemento e colaborar coa autoridade xudicial ou Ministerio Fiscal, salvo os que estiveren exentos por razóns familiares.