Novo Modelo Organizativo do Servizo Público de Xustiza (NUMO)

"O obxectivo da LO 1/2025 é mellorar a eficiencia, a accesibilidade e a calidade do servizo xudicial. "
Reforma do Sistema Xudicial

A Lei Orgánica 1/2025, de 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza, introduce unha serie de reformas no sistema público de xustiza co obxectivo de mellorar a eficiencia, a accesibilidade e a calidade do servizo xudicial que responda as necesidades actuais da cidadanía. Como reforma principal, establece un novo modelo de organización e funcionamento da oficina xudicial, que se coñece como NUMO que busca facilitar o acceso á xustiza e reducir os tempos de espera nos procedementos xudiciais.

Principais cambios no sistema de xustiza

Un dos cambios máis destacados da reforma é a creación dos tribunais de instancia como órgano colexiado que agrupa xulgados unipersonais dunha determinada área xudicial (partido xudicial) e está composto por un equipo de xuíces ou xuízas especializados en diferentes ramas do dereito, permitindo unha xestión máis áxil, eficiente e especializada dos casos.

Tribunais de Instancia

Desta forma, os tribunais de instancia son responsables de resolver todos os casos que competen ao partido xudicial correspondente, unificando a resposta de primeira instancia, o que mellora a especialización e reduce os tempos de resolución dos devanditos casos.

A reforma estrutural das oficinas xudiciais, ditada pola Lei Orgánica 1/2025, mellora a eficiencia e a flexibilidade do sistema xudicial en España mediante unha reorganización que adapta a estrutura de cada oficina segundo as necesidades específicas de cada tribunal. A nova estrutura garante que se distribúa en función da carga de traballo e das xurisdicións, permitindo unha adaptación máis áxil ás demandas de cada momento.

Reordenación oficina xudicial

Esta reforma baséase na Resolución do 5 de marzo de 2025, que establece cinco modelos organizativos deseñados para axustarse ao volume e tipo de traballo en cada xurisdición, permitindo unha xestión máis dinámica e eficiente das tarefas. Trátanse de modelos de referencia que poden adaptar as súas particularidades segundo as características do seu partido xudicial.

Modelos Organizativos

  • Modelo A

    Oficina xudicial básica

    Destinada a tribunais con menor volume de traballo, conta cun Servizo Común de Tramitación que se encarga de todas as funcións procesais e administrativas. O persoal traballa de forma integrada, optimizando os recursos.

  • Modelo B

    Reforzo cun servizo xeral

    Nos tribunais con maior carga de traballo, engádese un Servizo Común Xeral que xestiona de forma conxunta tanto a carga procesal como a administrativa. Isto facilita a redistribución dos recursos segundo as necesidades.

  • Modelo C

    División en servizos especializados

    Aplicado en tribunais con gran volume de traballo, este modelo conta con divisións especializadas que se encargan de diferentes fases do proceso xudicial, adaptándose ao tipo de procedemento que se xestiona.

  • Modelo D

    Organización da Audiencia Nacional

    Destinado á Audiencia Nacional, permite unha xestión flexible do persoal e reorganización segundo a carga de traballo, garantindo maior eficacia nos casos máis complexos.

  • Modelo E

    Estrutura do Tribunal Supremo

    Aplicado ao Tribunal Supremo, básease nunha estrutura flexible onde o persoal se distribúae de maneira dinámica segundo os casos que se están tramitando.

A nova organización das oficinas xudiciais mellora a eficiencia, reduce a dispersión de funcións e optimiza os recursos humanos e materiais. O feito de que o persoal se distribúa segundo as necesidades permite maior flexibilidade e rapidez na xestión dos casos.

Reordenación oficina xudicial2

As oficinas de xustiza no municipio son unha peza clave da reforma xa que achega á xustiza á cidadanía, prestando servicios no seus respectivos municipios. Estes puntos de atención resultan fundamentais para os municipios onde non se estableza unha oficina xudicial, ao non haberse consituído tribunal de instancia. O seu obxectivo é mellorar a accesibilidade á xustiza, permitíndolle aos cidadáns realizar trámites administrativos e procesuais de maneira máis directa e sen necesidade de desprazarse aos centros urbanos máis grandes.

A dixitalización garante o funcionamento destas oficinas. A través de plataformas telemáticas, a cidadanía pode realizar numerosas xestións, como presentar documentos, recibir notificacións ou mesmo realizar consultas en liña. Isto non só mellora o acceso á xustiza senón que tamén reduce as cargas de traballo dos tribunais, ao permitir que moitos dos trámites administrativos se realicen de maneira remota. Máis información.

Xulgado de Paz

  • No ámbito civil, coñecemento en primeira instancia dos asuntos de contía non superior a 90 €.
  • Cumprimento de exhortos para realizar actos de comunicación.
  • Participación no Rexistro Civil.

Oficina de Xustiza no Municipio

  • Asistencia ao xulgado de paz do municipio no exercicio das funcións que teña legalmente atribuidas (mantéñense as anteriores).
  • Actos de comunicación procesual non practicados por medios electrónicos.
  • Oficina colaboradora do Rexistro Civil.
  • Práctica de actuacións procesuais con residentes/profesionais, que deban levarse a cabo mediante videoconferencia.
  • Recepción das solicitudes de recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuita e a súa remisión aos Colexios de Avogados.
  • Solicitudes ou xestión de peticións da cidadanía dirixidas ás Xerencias Territoriais.
  • Colaboración coas unidades de medios axeitados de solución de controversias.
  • Facilita o traballo deslocalizado (xueces/as, letrados/as, persoal de xustiza) nestas instalacións, comunicando telematicamente cos seus respectivos postos.

Promóvese o uso dos medios alternativos de solución de conflitos, potenciando así a negociación entre as partes co obxectivo de reducir o conflito social e evitar a sobrecarga dos tribunais. Esta medida será de aplicación no ámbito civil e mercantil, onde se constitúe como un requisito de procedibilidade para a admisión da demanda.

A reforma promove a dixitalización completa do sistema xudicial. A introdución de ferramentas tecnolóxicas avanzadas permite que a xestión dos casos sexa máis eficiente, facendo que os procesos e trámites xudiciais se realicen de maneira máis áxil e cómoda tanto para os cidadáns como para os profesionais da xustiza.

Esta reforma reforza a dixitalización do sistema xudicial, aumentando o uso das ferramentas tecnolóxicas para a presentación de demandas, o seguimento dos procesos e a comunicación entre as partes. Ademais, inclúense medidas para acelerar os procedementos xudiciais, reducindo prazos e trámites innecesarios.

Con esta reforma, preténdese lograr un sistema xudicial máis accesible, áxil e eficiente, que responda mellor ás necesidades da cidadanía e da sociedade actual.

Fases de implementación

A implementación do novo modelo de organización xudicial levarase a cabo en varias fases para asegurar que todas as persoas usuarias estean preparadas e que o sistema funcione de maneira óptima.

O calendario de implantación, segundo as distintas fases fixadas na lei para toda España, será:

  • FASE I: O día 1 de xullo de 2025 para os xulgados de Primeira Instancia e Instrución dos 38 partidos xudiciais de Galicia existentes nas vilas.
  • FASE II: Non aplicable a Galicia.
  • FASE III: O día 31 de decembro de 2025 farano os xulgados e tribunais das 7 cidades de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra). Esta transformación non afecta en absoluto aos municipios sede de partido xudicial. Tampouco afecta directamente á súa cidadanía. O cambio prodúcese máis ben nos actuais xulgados de paz.