PARTICIPACIÓN NO TRIBUNAL DO XURADO

Constitución do tribunal do xurado

O cidadán que foi citado para participar no tribunal do xurado debe identificarse na audiencia provincial co DNI e coa cédula de citación ante os axentes xudiciais ou ante o servizo de información, onde se lle indicará a sala onde pode esperar cos demais candidatos a xurados.

Unha vez na sala onde se celebrará o xuízo, o maxistrado-presidente, o fiscal e os avogados que interveñan faranlle preguntas para indagar se concorre nel algunha causa que lle inhabilite para actuar como xurado nese xuízo.

Unha vez realizado o interrogatorio e excluídos, se é o caso, aqueles candidatos nos que concorra algunha causa que os inhabilite para ser xurado, procédese a elixir por sorteo, entre os non excluídos, os 9 xurados máis dous suplentes, por se algún dos xurados é incapacitado durante o xuízo.

Constitución

Tras o sorteo e a elección dos 9 xurados e os 2 suplentes, os cidadáns elixidos poderán ser interrogados de novo polo presidente, o fiscal e os avogados. Este interrogatorio versará sobre as súas circunstancias persoais e ten como finalidade primordial coñecer a súa actitude favorable ou contraria á persoa acusada e ao tipo de delito presuntamente cometido por ela.

Trátase de conformar un tribunal do xurado obxectivo, imparcial e independente. Á celebración do xuízo tamén terán que asistir os 2 cidadáns elixidos como xurado suplente.

Unha vez que o tribunal se constitúa, procederase a recibir xuramento ou promesa aos designados como xurados. Ninguén poderá exercer as funcións de xurado sen prestar o xuramento ou promesa indicados. O tribunal estará presidido polo maxistrado.