O xuízo oral comezará tras o xuramento ou promesa dos membros do xurado, segundo o establecido na Lei de Axuizamento Criminal. Para a celebración do xuízo sempre requirirase a asistencia do acusado e do avogado defensor.
A continuación darase lectura dos escritos de cualificación. Seguidamente o maxistrado-presidente abrirá unha quenda de intervención das partes para que expoñan ao xurado as alegacións que consideren convenientes co fin de explicar o contido das súas respectivas cualificacións e a finalidade da proba que propuxeron.
No xuízo, o tribunal do xurado escoitará a declaración da persoa acusada e presenciará a práctica das probas contrarias e favorables a esta (declaracións de testemuñas e peritos, informes periciais, documentación e demais pezas de convicción).
Se durante o xuízo, algún membro do xurado considera conveniente que se lle faga algunha pregunta concreta ao acusado, testemuña ou perito para aclarar os feitos, poderá indicar por escrito a pregunta que considere necesaria. A devandita pregunta entregarase ao presidente e este, despois de ler a pregunta en persoa, poderá dar lectura a esta para que sexa contestada, se a estima pertinente.