Procedemento de nomeamento

"A elección de xuíz de paz e do seu substituto efectuarase polo pleno do concello co voto favorable da maioría absoluta dos seus membros"

As principais fases do procedemento para o nomeamento do xuíz de paz son:

  • Convocatoria de vacantes: As vacantes de xuíz de paz, titular e substituto, anunciaranse polo concello respectivo mediante convocatoria pública, con indicación do prazo e lugar de presentación de instancias. Ademais deberase publicar en boletín oficial provincial e, mediante edictos, no taboleiro de anuncios do concello e dos xulgados municipais.
  • Presentación de candidaturas: Os interesados deberán acompañar á súa solicitude a documentación que no anuncio se mencione, así como os títulos académicos que posúa. Non é necesario dispor do título de licenciado en Dereito.
  • Elección de candidatos: A elección de xuíz de paz e do seu substituto efectuarase polo pleno do concello co voto favorable da maioría absoluta dos seus membros. Se non houbese solicitantes, o pleno elixirá libremente con suxeición aos mesmos requisitos de procedemento.
  • Elevación do acordo: O acordo do concello será remitido ao xuíz de Primeira Instancia e Instrución do partido ou, se houber varios, ao decano, que o elevará á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
  • Nomeamento e publicación: Se a Sala de Goberno do TSXG considera que as persoas elixidas polo concello reúnen as condicións de capacidade e de elixibilidade esixidas pola lei, expedirá os correspondentes nomeamentos e ordenará a súa publicación no boletín oficial da provincia. Tamén informará o Consello Xeral do Poder Xudicial e ao xuíz de Primeira Instancia e Instrución do partido xudicial, ou o decano se houber varios.