INSTITUCIÓNS DO DEREITO CIVIL GALEGO

Institucións xurídico-privadas no medio rural

Arrendamentos rústicos

O obxecto deste contrato será o uso e aproveitamento dos terreos rústicos e os elementos vinculados a estas, no seu destino agrícola, pecuario ou forestal. A renda, a duración e o seu pagamento serán de libre estipulación polas partes.

Arrendamento de lugar acasarado

Trátase dun contrato de arrendamento do conxunto de elementos que forman o lugar acasarado: a casa de labor, edificacións, dependencias e terreos, aínda que non sexan lindeiros, así como toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agropecuaria, forestal ou mixta.

Arrendamentos rústicos históricos

Son arrendamentos rústicos históricos, os constituídos dende tempos inmemoriais e que están rexidos polo costume como institución propia do dereito civil galego, e as parzarías históricas, é dicir, as constituídas con anterioridade a agosto de 1942. Os arrendamentos rústicos e as parzarías que teñan tales características e estivesen vixentes ata a entrada da Lei 3/1993, do 16 de abril, das aparcerías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia quedarán prorrogados ata o 31 de decembro do ano 2015.

As parzarías

As parzarías son aqueles contratos polos que unha das partes cede a outra o desfrute de certos bens, convindo en repartir en partes alícuotas os froitos ou rendementos que produzan. Existen os seguintes tipos de parzaría: agrícola, de lugar acasarado, pecuaria e forestal de novas plantacións.

A compañía familiar galega

A compañía familiar galega, coñecida tamén como compañía familiar, sociedade galega e sociedade de familias, consiste naquela asociación entre labradores/agricultores con vínculos de parentesco entre eles, para vivir xuntos e explotar en común terras, lugar acasarado ou explotacións pecuarias de calquera natureza pertencentes a todos ou algún dos reunidos.