INSTITUCIÓNS DO DEREITO CIVIL GALEGO

Dereitos reais

Montes veciñais en man común

Os montes veciñais en man común son os terreos situados na Comunidade Autónoma de Galicia que, independentemente da súa orixe, posibilidades produtivas, aproveitamento actual e vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros destas.

Montes abertais

Son montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo, os conservados pro indiviso, nos cales os seus copropietarios teñen ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou sernas para o aproveitamento privativo destas, cuxa asignación se fai por lotes decididos a sorte.

Agras e vilares

Chámase agra ou vilar a unha extensión grande de terreo de labrado que, polo xeral, pertence a varios titulares, o que supón tamén a copropiedade sobre os seus muros, valados e cercas.

Muíños de herdeiros

Son aqueles muíños de propiedade común indivisible dedicados a moer grans para consumo familiar e alimentación do gando dos seus copropietarios, calquera que sexa a súa orixe e estado de conservación.

Servidume de paso

É o dereito a pasar polo predio servente a un terreo que está situada entre outra ou outras non tendo acceso abondo a un camiño público transitable para satisfacer as necesidades permanentes de acceso, uso e desfrute do predio ou terreo.

Serventía

O paso ou camiño privado de titularidade común que se efectúa sobre un terreo que non teña carácter público e do que non conste o dominio ou identidade individualizada dos que o utilizan será considerado serventía, calquera que sexa o que cada un dos usuarios ou causantes cedera para a súa constitución ou establecemento.

Cómaro, ribazo ou arró

O cómaro, ribazo ou arró é unha especie de cerco, terraza ou muro de separación no terreo que se dá en terreos lindeiros situados a distinto nivel, salvo proba en contrario, estes formarán parte do predio situado no plano superior.